Rocío Blanca Sújar, investigadora predoutoral do grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, está a realizar unha estadía de tres meses no Civil Engineering Research Institute (CERI), pertencente ao Public Works Research Institute de Sapporo (Xapón), para avanzar na procura de novas estratexias naturais fronte ás mareas vermellas. A estancia está financiada pola Axencia Estatal de Investigación a través da axuda para a formación de doutores vinculada ao proxecto Biotox, centrado no control biolóxico da formación e do potencial tóxico das proliferacións de algas nocivas.
A investigación de doutoramento de Rocío Blanca, dirixida polos docentes Eva Teira e Emilio Fernández-Suárez, estuda as interaccións entre o fitoplancto produtor de toxinas e o seu microbioma, é dicir, as comunidades de bacterias e outros microorganismos asociados a estas microalgas. O obxectivo é comprender como estas relacións poden influír no desenvolvemento, mantemento e toxicidade das proliferacións de algas nocivas (HABs, polas súas siglas en inglés), coñecidas popularmente como mareas vermellas.
A tese desenvólvese principalmente na ría de Vigo, un ecosistema de grande relevancia ecolóxica e socioeconómica pola intensa actividade marisqueira e acuícola que sustenta. As mareas vermellas constitúen unha das principais ameazas para estes sectores, xa que poden obrigar ao peche temporal das zonas de produción para evitar que as toxinas acumuladas nos organismos mariños entren na cadea alimentaria. Ademais, estes episodios aumentan en frecuencia e intensidade en diferentes rexións do mundo, polo que avanzar no seu coñecemento e desenvolver novas ferramentas para a súa xestión constitúe un reto científico e ambiental de primeira orde.
O potencial das pradarías de kelps
Durante a súa estadía en Xapón, a investigadora colabora co equipo liderado polo doutor Nobuharu Inaba para analizar o papel das pradarías de macroalgas, especialmente das coñecidas como kelps, como posible ferramenta de control biolóxico das proliferacións de algas nocivas. Estes bosques mariños constitúen ecosistemas altamente produtivos, albergan unha gran diversidade de microorganismos e desempeñan funcións ecolóxicas esenciais nas zonas costeiras.
O traballo céntrase na caracterización do microbioma asociado ás kelps e na avaliación da súa capacidade para regular especies fitoplanctónicas nocivas. Ademais, investigarase a presenza de bacterias con actividade alguicida e analizarase se a conservación ou restauración destes ecosistemas podería contribuír a reducir a aparición ou intensidade das mareas vermellas.
Hokkaidō e as Rías Baixas, dous laboratorios naturais
A elección da illa de Hokkaidō como destino desta estadía responde ás semellanzas que presenta coas Rías Baixas. Ambas as dúas rexións sustentan unha importante actividade acuícola e marisqueira e dependen en gran medida do bo estado dos seus ecosistemas costeiros. Estas características converten ambos os territorios en laboratorios naturais comparables para estudar as proliferacións de algas nocivas e avaliar posibles solucións baseadas na natureza.
Ademais de contribuír ao desenvolvemento da súa tese, a estadía permitirá á investigadora incorporar novas metodoloxías experimentais, fortalecer colaboracións internacionais e xerar coñecemento de utilidade para o estudo e a xestión das mareas vermellas nas costas galegas. A comparación entre ambos sistemas costeiros ofrece, ademais, unha oportunidade para identificar procesos ecolóxicos comúns e explorar estratexias aplicables noutras rexións afectadas por este fenómeno.
"A estadía está a ser unha experiencia moi enriquecedora, tanto a nivel científico como persoal. Estou a aprender novas metodoloxías e a traballar cun equipo cunha ampla experiencia en ecoloxía costeira, o que me permite abordar a miña investigación desde perspectivas diferentes. Agardo que esta colaboración achegue novos coñecementos para a miña tese e sente as bases de futuras colaboracións entre Galicia e Xapón", destaca Rocío Blanca.
Os resultados obtidos contribuirán a ampliar o coñecemento sobre as interaccións entre microorganismos mariños e fitoplancto tóxico e sobre o potencial dos ecosistemas de macroalgas para favorecer a regulación natural das proliferacións de algas nocivas, abrindo novas vías para a protección dos ecosistemas costeiros e das actividades económicas que dependen deles.
