Demandan monitorizar a evolución que sofren os prezos dos produtos básicos

Publicidad

A crise sanitaria do coronavirus quita caretas. Os valores da xente e das empresas póñense a proba. Víase o pasado luns en Santiago de Compostela, cando un empresario galego quería facer negocio roubando preto de dous millóns de mascarillas ou coas críticas da sociedade co aumento do prezo de produtos como o papel hixiénico. Porén, o BNG de Vigo anunciou o pasado luns que trasladará a proposta ao Comité Municipal de Seguimento da COVID19 de que o Concello active a Oficina Municipal de Atención e Información ao Consumidor (OMIC) durante esta situación de emerxencia sanitaria. No concreto, a fronte nacionalista demanda que esta ferramenta monitorice a evolución dos prezos de produtos básicos e que habilite medios para asesorar telematicamente á veciñanza en cuestións como o dereito ao reembolso de servizos cancelados polo confinamento.

“Estamos recibindo indicios de incrementos de prezos en produtos esenciais, como alimentos e produtos de hixiene, o que pode poñer nunha situación moi complexa ás familias de menores recursos e empobrecidas”, explicou o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier Pérez Igrexas. Fronte a ese risco, Igrexas avogou porque a OMIC realice unha “monitorización” da evolución dos prezos para evitar situacións de abuso e dispor de información que poder facilitar á Xunta de Galicia e ao Goberno por se fose preciso tomar medidas para asegurar o acceso de toda a poboación a este tipo de bens “indispensábeis”.

Ademais, Pérez Igrexas sostén que diante da desinformación e da confusión sobre os dereitos en materia de consumo no contexto deste confinamento, a OMIC debe tamén ofrecer “asesoramento e asistencia” a todas as viguesas e vigueses en cuestións como o dereito ao reembolso dos custos daqueles servizos e produtos cancelados pola crise sanitaria. “Falamos de cuestións como as cotas de ximnasio, entradas a espectáculos ou cursos formativos en modalidade presencial”, exemplificou o voceiro do BNG no Concello.

Salir de la versión móvil