Demandan unha auditoría do servizo de Vitrasa para mellorar o transporte urbano en Vigo

Publicidad

O BNG de Vigo solicita ao Concello de Vigo realizar unha auditoría sobre o servizo de autobús urbano que xestiona Vitrasa tras coñecer os datos do número total de persoas viaxeiras. O obxectivo desta auditoría, indica a fronte nacionalista, é mellorar o servizo. O concelleiro Xabier Pérez Igrexas valorou que malia o incremento no número de usuarias e usuarios rexistrado, ese aumento é case a metade do que se producira o ano anterior, concretamente dun 1,4% en 2019 fronte ao 2,6% de 2018.

O BNG vigués apunta que este balance reflicte a necesidade de acometer unha “mellora substancial” do servizo para incrementar o número de viaxeiras e viaxeiros e reducir, desta maneira, a utilización do coche particular. Ademais, o edil nacionalista expresou a súa preocupación polo feito de que, segundo un recente informe elaborado pola ferramenta Moovit, Vigo sexa a segunda cidade en España, detrás de Burgos, onde menos se usa o transbordo, un feito que o BNG de Vigo considera que demostra a deficiencia do actual mapa de liñas e a insuficiencia das frecuencias.

A fronte nacionalista dende que ás portas de que finalice a actual concesión é o momento máis axeito para o goberno municipal para realizar unha auditoría completa do funcionamento do servizo, para “poder coñecer con indicadores fiábeis e obxectivos a calidade do servizo e para definir en que ámbitos hai que actuar para melloralo para o converter nunha opción para o conxunto da cidadanía”, apuntou Igrexas. Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista anticipou que “a realidade cotiá, a que palpan cada día millares de viguesas e vigueses que facemos uso do bus urbano é que é necesaria unha remodelación integral”.

Entre as demandas que propón o BNG de Vigo están a revisión do mapa de liñas para conectar o conxunto dos barrios e parroquias e mellorar a conexión con infraestruturas básicas -como o novo hospital, o CUVI ou as terminais de transporte-, o aumento das frecuencias despregando máis buses e con máis persoal condutor, facilitar o transbordo cunha nova organización das cadencias horarias, a redución dos tempos e a rebaixa das tarifas serían as cuestións a abordar nese proceso orientado a lograr, segundo Igrexas, que Vigo teña un autobús á altura dunha urbe de 300 mil habitantes e a principal cidade de Galicia.

Salir de la versión móvil