Despois da sentenza que anula a licenza concedida polo Concello de Mos aos vestiarios da Cidade Deportiva do Celta, o PSOE local vén de interpoñer ante a Fiscalía unha denuncia contra a rexedora local, Nidia Arévalo, e a Xunta de Goberno local. Así o anunciou este venres a voceira socialista, Victoria Alonso, para asegurar que “Nidia Arévalo e Carlos Mouriño puxéronse de acordo para executar un ‘ti vai facendo 3.0’, que consistiu nun plan premeditado para fraccionar o macroproxecto en cachiños, como se fose un puzzle”.
Alonso, presentou esta mañá escrito de denuncia diante da Fiscalía para reclamar a apertura de dilixencias indagatorias sobre a actuación da Xunta de Goberno de Mos e a alcaldesa en relación á concesión de licencias directas ás dúas fraccións da Cidade Deportiva do Celta executadas nos montes de Pereiras, que veñen de ser anuladas polo Xulgado do Contencioso número 3 de Pontevedra.
Os socialistas levan o que consideran como “o maior pelotazo urbanístico da historia recente de Galicia” ata a Fiscalía para que se investigue se as actuacións impulsadas pola alcaldesa teñen encaixe penal por ter eludido a obriga de comezar o expediente coa tramitación dun Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas (PEID) e por utilizar a vía dos feitos consumados “troceando o macroproxecto en cachiños nun escandaloso fraude de lei”.
A concelleira cualifica estes acontecementos como “un plan premeditado” que vai máis alá do ámbito administrativo e que, de consolidarse, suporía un perigosísimo precedente, “pois sería tanto como admitir que a partir de agora tódolos proxectos complexos que se queiran facer en solo rústico forestal poden acometerse tirando para adiante, fraccionando o proxecto para disimular a envergadura, e logo, cando non quede máis remedio, aprobar o Plan Especial urbanístico que debería ser a base de todo o expediente”. A líder do PSOE local asegura que en Mos houbo “barra libre para a depredación do territorio, poñendo á Administración local ao servizo dun empresario millonario coa complicidade, por acción ou omisión, da Xunta de Galicia”.
No seu escrito á Fiscalía, Alonso explica que a Xunta de Goberno de Mos aprobou os acordos para conceder as licenzas dos campos de fútbol e soto e para o edificio de vestiarios e instalacións auxiliares, respectivamente, infrinxindo o artigo 36.4 da Lei do Solo que obriga a tramitar previamente o PEID.