O Bloque Nacionalista Galego denuncia a ocultación do documento de aprobación provisional do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo por parte do Goberno de Abel Caballero. Así o revelou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que asegurou que este pasado luns foi entregado pola equipa redactora o documento de aprobación provisional sen que se dera conta “de forma inxustificábel e absolutamente escandalosa” na Xerencia Municipal de Urbanismo celebrada este martes.
“Este documento ten unha especial transcendencia dado que nel se inclúe a proposta de ditame das máis de 4.000 alegacións veciñais formuladas ao novo Plan Xeral, que levan desde febreiro de 2021 agardando unha resposta”, subliñou Igrexas, que afeou que tanto a concelleira de Urbanismo, María José Caride, como o alcalde, Abel Caballero, insistan en ter “na escuridade dos despachos” un documento estratéxico que quere definir o modelo de cidade para os vindeiros 15 anos.
O portavoz nacionalista vén de solicitar por estes motivos ter acceso á documentación entregada pola equipa redactora do Plan, a comparecencia da mesma nunha sesión extraordinaria da Xerencia para responder ás interpelacións dos grupos municipais , así como que se informe publicamente da resolución das alegacións.
Corrixir o modelo ao servizo da especulación
Igrexas adiantou nese sentido que a posición do BNG vai depender en “grande medida” de se o documento corrixe o modelo urbanístico “fracasado e ao servizo da especulación” da aprobación inicial, entre eles salientou a retirada dos viais “innecesarios e con graves afectacións” que ameazan con tronzar o rural de Vigo. “Vigo merece dun novo PXOM de toda a cidade e para toda a cidade, non un elaborado e tramitado ás agochadas, de costas á cidadanía é á propia Corporación Municipal”, advertiu o voceiro nacionalista. “Non pode ser só o Plan do PSOE e os seus amigos”, engadiu.
Coas persoas no centro
O portavoz do BNG defendeu a alternativa nacionalista para que a cidade conte cun PXOM que impulse un “novo modelo urbano coas persoas no centro”. Así, chamou a apostar cara unha cidade “máis compacta, policéntrica e vertebrada desde os barrios e as parroquias”. Un modelo que, asegurou, ten que ser “respectuoso” cos ámbitos rurais e periurbanos e “radicalmente sustentábel” en termos ecolóxicos. Puxo en valor ademais a necesidade de “democratizar” o espazo público potenciando o transporte colectivo e os usos peonís para reducir o uso do vehículo privado.
Igrexas asegurou que o desenvolvemento urbanístico de Vigo ten que estar ao servizo do interese público, cunha planificación “racional e axustada ás necesidades reais, con disciplina urbanística, coa máxima seguridade xurídica e mecanismos de control máis abertos e participativos”. Nesa liña, pediu alargar o solo destinado a dotacións públicas e zonas verdes, así como mobilizar as máis de 20 mil vivendas baleiras existentes para enfrontar o actual problema de acceso en lugar de seguir dando “barra libre á especulación”.