Denuncian en Vigo a talla dunha árbore de gran porte nos xardíns de Montero Ríos

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia a talla dunha árbore de gran porte nos xardíns de Montero Ríos realizada pola Autoridade Portuaria, poucas horas despois de que a fronte nacionalista reclamara garantías na Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello de que a ampliación e a reforma do aparcamento soterrado do Náutico non vai supoñer danos sobre este espazo verde e o seu arboredo.

“Imos esixir á Autoridade Portuaria de Vigo que aporte os informes técnicos que xustifiquen que o estado da saúde dese exemplar facía inevitábel a súa talla”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu ademais da intención por parte da entidade portuaria de proceder á talla de máis árbores nos xardíns de Montero Ríos baixo o pretexto de que están enfermos.

"Non imos permitir que o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, nin o delegado da Zona Franca, David Regades, se sumen á brigada arboricida do leñador en xefe en forma de alcalde, Abel Caballero", criticou Igrexas, en relación ás continuas tallas “inxustificadas” que se veñen producindo semanalmente en Vigo

O edil nacionalista lembrou que o arboredo urbano é “fundamental” tanto para facer a cidade máis habitábel como ambientalmente máis sustentábel. “Temos que frear esta enxurrada arboricida, temos que protexer os nosos espazos verdes, porque non son ningún tipo de privilexio senón un dereito irrenunciábel para as viguesas e os vigueses”, remachou.

Salir de la versión móvil