A maioría dos centros de Saúde con menos do 50% de persoal médico; demoras nas listas de agarda de máis de 15 días, de media; esperas que chegan a superar, en determinados centros, máis de un mes e profesionais mesmo con ataques de ansiedade. Así describía está mañá, en rolda de prensa, o estado da área sanitaria a CIG-Saúde de Vigo.
Unha situación que cualificaron de “extrema” e fronte á que demandaron do SERGAS atraer as profesionais que marcharon procurando unhas condicións dignas; contratación estable do persoal necesario para normalizar a actividade nos centros, que pasa por convocatorias de OPE ambiciosas que cubran estas necesidades estruturais e que se reforce a estrutura de xestión de Atención Primaria. “Necesitamos unha dirección que marque a liña estratéxica de actuación e que conte con capacidade real de xestionar os recursos humanos e económicos”, afirmaron.
Así o explicaron María Fernández, Miguel Tizón, Pilar Rodríguez, Álvaro Lamas e Yolanda Barcia. Persoal sanitario e administrativo de centros de Saúde de Atención Primaria da área sanitaria que advertiron que, aínda que é unha situación que afecta a todas as áreas sanitarias e máis grave nos centros do rural.
Neste sentio lembraron como a semana pasada eran noticia os peches puntuais dos centros de saúde de Oia e Pazos, aos que se lles sumou estes días Covelo. Centros de Saúde que teñen que derivar doentes a outros que xa están asumindo as ausencias de persoal e que se ven, así, aínda máis colapsados. Ou a situación, por exemplo, en Pediatría do centro de saúde de Coia onde a atención concentrouse na mañá o que, sumado a que coa pandemia se centralizou a atención pediátrica nas cabeceiras de comarca, empeorou a capacidade de atención.
Falta de persoal
As representantes de CIG-Saúde atribuíron esta situación á falta de persoal porque “non se substitúen as vacacións e baixas e hai centros nos que o resto do persoal leva absorbendo esta atención a maiores desde vai meses”. Unha situación á que se lle engade a falta de reforzos de verán, tanto de medicas/os como de enfermería que asumían a atención ligada ao aumento de poboación nas zonas turísticas. “Isto está a sobrecargar aínda máis os centros de saúde, nomeadamente os das zonas costeiras”.
A iso se referiu, en concreto, Álvaro Lamas, médico do Centro de Saúde da Guarda que denunciou que a Atención Primaria, con menos persoal, fai agora máis traballo que nunca o que está a ter graves consecuencias para as e os profesionais, con problemas de ansiedade, irritabilidade constante, burn out, insomnio, problemas físicos, musculares e mesmo dentais. “Xente que se ve obrigada a tomar ansiolíticos durante as consultas para paliar as crises de ansiedade que están a sufrir ou que acaba de baixa por ansiedade. Son situacións cada vez máis frecuentes”, asegurou.
Lamas denunciou que tanto as persoas usuarias como as profesionais están sendo vítimas das políticas do SERGAS. Neste sentido advertiu que esta situación está a provocar que a poboación perciba unha cada vez maior falta de atención, de maltrato por parte do sistema sanitario. Percepción que considerou que “está tratando de ser aproveitada polos dirixentes do propio sistema sanitario, persoas que levan anos recortando os orzamentos do SERGAS, para dirixir este malestar contra as traballadoras e traballadores, insinuando que é responsabilidade nosa que haxa máis listas de espera ou que haxa un filtro único previo á atención presencial”. A situación de enfermería, tal e como describiron, non é mellor. De feito, segundo explicaron, “a falta de substitución levou a algúns centros a estar nunha situación crítica”.
Chave 365
A central sindical sinala que as áreas administrativas están tamén desbordadas. Á xestión habitual do centro súmanse as xestións derivadas da chave 365, como o certificado de vacinación que, tras a decisión repentina da Xunta de solicitala para o acceso á hostalaría “está a provocar a demanda masiva obstaculizando a atención sanitaria nos centros”, ou a implantación do sistema de chamadas CRM100, que recolle as chamadas de telefono que non se puideron contestar no momento, o que está a duplicar en moitos casos o traballo no centro.
A estas cuestións engadiron a situación de diversos centros de saúde como o de Ponteareas. “Coñeciamos estes días a reorganización de Ponteareas, onde dous equipos da tarde foron trasladados para realizar atención de mañá, bloqueando as axendas da maña e asumindo atención urxente, tendo que recibir a máis de 1.000 persoas e atendendo a demanda no día”.
A CIG destaca que esta situación está a ter repercusión en maior ou menor medida nos PACs da área sanitaria. Así lembraron como hai tres semanas o PAC de Vigo entraba no colapso máis absoluto ou doutros centros que, non chegando a eses niveis, tamén están sobrecargados pola COVID, polo turismo e pola mala situación dos centros de referencia.
Falta de persoal e de organización
Como principais problemas apuntaron a falta de organización e de persoal. Respecto da falta de organización dos centros lembraron como constantemente a Xerencia fai referencia á necesidade de autoxestión dos centros, lanzando a pelota da organización que debería xestionar a administración ás traballadoras, nomeadamente nos centros que non existen xefaturas de servizo. “Hai tres anos xa da dimisión das/os xefas/es de servizo da área ante a imposibilidade de “xestionar a miseria” e agora preténdese que as traballadoras tomemos decisión na xestión da ruína absoluta”, denunciaron.
Xunto a isto sinalaron a falta de persoal, nomeadamente medicas de familia e enfermería das que existe un déficit importante e que mesmo nas áreas administrativas nas que houbo aumento de persoal “existe falta de medios técnicos que obstaculizan atender a demanda actual, e existe dificultade en ocasións de poder citar polas demoras que existen”.
Por iso, aínda recoñecendo que "non hai propostas máxicas, si reafirmaron a súa demanda de que o SERGAS aposte por atraer ás/aos profesionais que marcharon" procurando unhas condicións dignas, contratos estables e se reforce a estrutura de xestión de Atención Primaria.