O Bloque Nacionalista Galego urxe ao Goberno municipal de Vigo a actuar para retirar de inmediato as grandes estruturas de madeira instaladas na Alameda para o mercado de nadal e tamén o alumeado e ornamentos colocados na araucaria.
“É un esperpento comprobar como a finais de marzo todo o tinglado montado por Caballero para o mercado de nadal continúa instalado” denunciou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista considera, ademais, inaceptábel que a araucaria continúe co alumeado de nadal e outros ornanentos pendurados das súas polas. “O Goberno municipal vulnera deliberadamente a ordenanza municipal de medio ambiente, que prohibe expresamente colgar ningún tipo de elementos do arboredo. Pero neste caso é especialmente grave ao se tratar dun exemplar singular que está catalogado” reprocha Igrexas.
Desde a fronte nacionalista subliñan que os xardíns da alameda son un ben cultural catalogado e, xa que logo, obxecto dunha protección integral. No entanto, “a irresponsabilidade do Goberno local e a deliberada inacción da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta están a permitir a degradación deste importante ámbito no corazón da cidade”, apunta Igrexas.