As mulleres que opinan son perigosas?

Publicidad

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, inaugurou esta mañá o “Encontro de mulleres columnistas: As mulleres que opinan son perigosas” nun Teatro Provincial ateigado de persoas. O encontro, que arrancou esta mañá ás 12.30, prolongarase ao longo da tarde e estenderase durante toda a xornada de mañá coa participación de trece mulleres columnistas de relevancia nacional, de diferentes xeracións e perfís, que reflexionarán sobre a realidade do xornalismo de opinión en España.

Carmela Silva aproveitou a inauguración do encontro para facer mención ás opinións críticas vertidas nas redes sociais relativas a un encontro exclusivamente feminino. Ao respecto, a presidenta da Deputación – amosando imaxes de congresos, encontros, reunións e foros con participación única masculina- destacou que “estes días nas redes, cando tanto Diana López como Susana Pedreira informaban sobre o Encontro de Mulleres Columnistas e a importancia de visibilizar o papel das mulleres xornalistas, axiña aparecían comentarios con preguntas relativas ao papel exclusivo das mulleres no encontro. Cando se organizan encontros onde a participación é de homes non se pregunta porqué non hai mulleres e sen embargo, se acontece o contrario, como neste caso, si”. Ao respecto, Carmela Silva reivindicou a necesidade do encontro para “amosar que as mulleres non é que esteamos infrarrepresentadas e que tamén estamos invisibilizadas nos medios de comunicación”.

Durante a inauguración do encontro, a presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou a ocasión para poñer en valor o papel da muller que escribe columnas de opinión. “Os artigos de opinión falan de temas relevantes para fixar a opinión da sociedade e se non contamos coa opinión das mulleres nos medios, tampouco estamos a estender a opinión das mulleres na sociedade”, asegurou Silva. E esta escasa presenza das mulleres nas columnas de opinión non está relacionada cos datos que presentou a presidenta e poñen de manifesto que o 64% das persoas que se gradúan en xornalismo son mulleres. “O 64% do talento –destacou Silva- non está presente nos medios de comunicación a través da opinión, algo gravísimo se temos en conta que o 80% das firmas destes artigos é masculina, ao igual que acontece nos faladoiros de radio e televisión ou nos debates de expertos, onde a participación masculina é do 91% e manifesta que a voz das mulleres non está nin se ten en conta cando se fala de persoas expertas. O problema non está na capacidade ou na formación, os datos son obxectivos, o problema está en que ás mulleres se nos arrebatan os espazos para opinar”.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra puxo en valor a importancia deste foro “para visibilizar unha realidade e intentar cambiala”. Miguel Anxo Fernández Lores destacou que “o feminismo é fundamental para cambiar esta sociedade machista e discriminatoria e acadar un mundo máis xusto e solidario, algo que non é posible se o 52% da sociedade que son as mulleres non están incorporadas en todos os eidos”.

No caso concreto do encontro e sobre as columnas de opinión, Lores asegurou que “os medios son unha ferramenta fundamental para que a sociedade mude e non pode mudar se se seguen a reproducir os roles que temos vivido dende hai séculos. A única forma de que cambie é que as mulleres opinen e teñan presenza”.

As organizadoras do evento, Diana López Varela e Susana Pedreira, tomaron tamén a palabra no transcurso da inauguración. Así López asegurou que “as mulleres que están estes días aquí o están porque o demostraron por méritos propios, merecen ser escoitadas e que todas e todos poidamos desfrutar das súas reflexións”. Pola súa banda, Pedreira aproveitou a ocasión para agradecer á Deputación de Pontevedra e ao Concello “a súa implicación e participación para que este congreso sexa unha realidade”.

Trala inauguración, a primeira conferencia foi a cargo de María Varela, xefa de redacción do Diario de Pontevedra. Varela abordou cuestións relativas á “Opinión nos medios locais” poñendo en valor que no xornal no que traballa “teño a sorte de ter unha fiestra na que opinar todas as semanas, en liberdade, sen censura, na que me gusta falar de como aprendo a ver a vida a través dos ollos dos meus fillos”. Sen embargo, a redactora xefa tamén subliñou que é “unha afortunada”, xa que nos xornais o habitual é que “canto máis nos achegamos ao poder menos mulleres atopas no camiño e que, pese a maior parte da información política é desenvolvida por mulleres, para os debates e opinións sempre se chama aos homes, é dicir, os que toman as decisións e os que se visibilizan son os homes”.

Salir de la versión móvil