Silva: "A Deputación ten unha presenza histórica e un investimento como nunca antes en Vigo"

Publicidad

"A Deputación inviste en Vigo e ten un modelo que comparte coa Alcaldía". Así defendeu Carmela Silva este pasado martes o proxecto do ente provincial na primeira cidade de Galicia para destacar que a Deputación "nunca tivo un proxecto de inversión nesta ciudade, sempre xogou a confrontar con esta cidade. Iso ten rematado". A presidenta provincial fixo balance dos seis anos de Goberno e o seu impacto na cidade de Vigo para enumerar proxectos como a humanización e mellora de estradas, o carril-bici de Coia a Teis, novas infraestruturas deportivas xunto coa reforma de Balaídos, actuacións en centros educativos, dotacións culturais, apoio a grandes eventos, subvencións a entidades sociais para celebrar ata 560 actividades, unha forte aposta pola cultura e a igualdade, e máis dun cento de actos na nova sede da rúa Eduardo Chao.

Situamos á cidade no lugar que por dereito lle correspondía”, expresou Carmela Silva acompañada dos deputados provinciais Carlos Font, Santos Héctor e Gorka Gómez. “A Deputación ten unha presenza histórica e un investimento como nunca antes”, expresou Silva. A sede, inaugurada en xaneiro de 2020, “é xa unha das grandes referencias da actividade na cidade, e reactivou ademais todo o entorno no que se sitúa”. De aquí a xaneiro están confirmadas 20 accións máis do ámbito da cultura, a igualdade, a cohesión social e o emprendemento e ademais, segundo adiantou Silva, inaugurarase a sala Maruja Mallo, un novo espazo expositivo no edificio. “Esta sede está chea de vida e é un espazo tamén para os colectivos da cidade, que piden salas e celebran aquí reunións e actos”, manifestou.

A mandataria provincial resaltou a actividade que a Deputación acometeu, xunto ao Concello, no centro e en todas as parroquias con “obras, proxectos e accións moi potentes” nestes seis anos. En materia de viais lembrou que realizáronse as humanizacións de Ronda de Don Bosco, a Estrada Provincial (Rúa Emilia Pardo Bazán), a estrada Calvario – A Garrida; as reformas de Hispanidade, Taboada Leal e Serafín Avendaño; e o novo carril que permite circular en bici polo centro da cidade, ademais de mellorar diferentes viais no rural.

No que respecta as infraestruturas deportivas, a Deputación costea a metade da remodelación de Balaídos, ademais de ter reformado as pistas do IMD no estadio, construír os pavillóns de Quirós e Romil ou mellorar e modernizar dez campos de fútbol.  Na área de educación habilitáronse as aulas da UNED e os vestiarios do pavillón do IES de Beade, e estase a executar a cubrición dos patios dos CEIP Pintor Laxeiro e Balaídos. En canto ás dotacións culturais, a Deputación rehabilitou Villa Solita, en Alcabre. A Deputación tamén colabora con O Marisquiño, a feira Mindtech, a promoción do balonmán, os World Paddle Tour 2019 e 2021, o Vigo Sea Fest, o Simposio Nacional de Iluminación que acollerá esta semana a cidade e ata 11 grandes acontecementos máis.

Nova sede provincial no Casco Vello de Vigo

Acción en todos os ámbitos

A presidenta detallou a acción de todos os servizos da Deputación en Vigo. En materia de igualdade creouse a Cátedra Feminismos 4.0., unha iniciativa pioneira en España “convertida en referente internacional e posta en marcha en colaboración coa Universidade, coa que temos unha extraordinaria relación”, precisou. Tamén púxose en marcha o proxecto Inspira Steam para fomentar a vocación científico-tecnolóxica entre as rapazas. “A igualdade é unha prioridade absoluta para a Deputación”, subliñou Carmela Silva, que lembrou o lanzamento en Vigo da plataforma Descúbreas, un “potentísimo proxecto de visibilización das mulleres artistas para que as mozas poidan construír unha carreira musical”. A Escola de Igualdade María Vinyals, tamén pioneira en Galicia, tivo presenza na sede coa celebración de tres xornadas, á que se sumará antes de que remate o ano unha cuarta, segundo avanzou a presidenta. “Colaboramos con máis de 250 actividades na cidade e concedemos preto de 300 subvencións na área de igualdade”, engadiu.

No eido cultural, nestes seis anos colaborouse con entidades para celebrar 560 accións. Tamén se referiu á Escola de Letras en colaboración coa Editorial Galaxia, que celebra os seus obradoiros en Vigo na sede da Rúa Chao; ao programa musical Pontegal; a celebración de roteiros culturais ou á financiación de programación con mulleres artistas no MARCO, ademais de subliñar o apoio aos festivais escénicos e audiovisuais e ás Escolas de Música.

Nos programas da Deputación en materia social como En Ruta coa Depo, Depotermal, Depo en Marcha, DepoAventura ou DepoRuarte participaron máis de 25.200 persoas en Vigo, e a Deputación concedeu case 400 axudas a entidades sociais da cidade.

A sede de Vigo no Casco Vello albergou neste tempo máis dun cento de actos culturais, sociais, de igualdade, emprendemento e deportivos. No ámbito da igualdade a presidenta lembrou que o edificio acolleu o nacemento da plataforma de apoio a mulleres artistas “Descubre-As”, así como dous actos máis desta iniciativa pioneira, ademais de tres xornadas da Escola María Vinyals, as entregas dos premios Sofía Novoa ou a presentación da campaña de Nadal de xoguetes non sexistas, exposicións e actos polo 8M. O edificio é lugar frecuente de presentacións de novidades editoriais, acolle a Escola de Letras, e a sala Rosalía de Castro albergou sete exposicións.

Os próximos investimentos

O investimento da Deputación manterá o seu ritmo na cidade co acordo xa alcanzado co Concello para realizar obras ata 2023. A colaboración inclúe o inicio da recuperación do dunar de Samil, ademais de accións do programa Vigo Vertical en Aragón e Juan Ramón Jiménez, novas humanizacións en Castelao, San Roque e Martínez Garrido, a mellora de firmes en viais e a cubrición do patio do colexio Javier Sensat. O investimento total é de 16 millóns, dos que a Deputación aporta 11.

A nova programación da sede

A sede seguirá a ser punto de encontro da cidade nos vindeiros meses. Ata xaneiro hai confirmados xa 20 actos. O edificio acollerá tres exposicións: “Lebres coma gacelas”, que homenaxea a Xela Arias e recolle poemas de creadoras en diálogo con artistas visuais; unha mostra do artista cangués Raúl Velloso, e outra da creadora e crítica cultural Rosario Sarmiento. “Con esta última inauguraremos a sala Maruja Mallo, un novo espazo na sede para a exhibición artística que acollerá mostras de artes plásticas e queremos convertela tamén en sala importante de exposicións fotográficas”, detallou.

Tamén terán lugar novas sesións da Escola de Letras con Anna Figueiredo, un DemoDay da aceleradora de comercio de SmartPeme, e no ámbito da igualdade o cuarto acto da Escola María Vinyals e unha acción polo 25N. “Ademais presentaremos a nova campaña do xoguete non sexista, que será totalmente diferente, e en xaneiro faremos de novo a entrega dos Premios Sofía Novoa aquí”, adiantou a mandataria provincial.

O lanzamento de novidades editoriais continuará co acto de presentación de O cemiterio de barcos, de Francisco Castro, o 8 de outubro, e a selección de escritos Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, o día 19 do mesmo mes.

Salir de la versión móvil