Dez investigación da UVigo coas que contribuir ao desenvolvemento da provincia de Pontevedra

Publicidad

Novas estratexias de prevención e promoción da saúde, biodiversidade e conservación de hábitats, contaminación en ambientes terrestres e mariños ou tecnoloxías de información e da comunicación. Estas son algunhas das trece liñas de investigación nas que a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra buscaban promover o desenvolvemento de estudos que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia. Financiada con 79.000 euros pola institución provincial, ao abeiro dun convenio coa UVigo, nesta convocatoria foron seleccionados dez proxectos, que abordarán cuestións como a creación, con ferramentas de intelixencia artificial, dunha influencer que contribúa á promoción turística da provincia, a optimización da recollida do lixo en zonas rurais mediante redes sen fíos ou os efectos nos sedimentos da ría de Arousa dos cambios nos usos do solo na conca hidrográfica do Umia.

Publicidad

Dirixida a que persoal investigador novo poida pór en marcha os seus proxectos, esta convocatoria financiará tamén estudos sobre a oferta cultural de Pontevedra en redes sociais, a criopreservación de medusas e as interaccións moleculares nos sistemas biolóxicos dos contaminantes organoclorados. Dirixida a persoal que non tivera liderado previamente proxectos seleccionados en convocatorias de carácter competitivo, entre as investigación escollidas figura tamén unha análise da realidade xurídico-laboral e das traballadoras do sector dos coidados e un estudo sobre os instrumentos político-normativos dos que dispoñen as administración locais fronte os retos demográficos. Aberta a persoal investigador do campus de Vigo e Pontevedra, promoverá tamén unha investigación sobre as capacidades físicas e cognitivas das persoas con Párkinson e outra sobre os beneficios da marcha nórdica en mulleres que padeceron cancro de mama.

Publicidad

Cinco proxectos no campus pontevedrés

Dúas das investigacións seleccionadas poñen o foco nas redes sociais e serán lideradas por investigadores da Facultade de Comunicación. Por unha banda Javier Abuín, do grupo Sepcom, desenvolverá un estudo sobre influencers virtuais, creados con intelixencia artificial, co obxectivo de crear con estas ferramentas un avatar que poida servir como ferramenta de xeración de marca rexional e promoción do turismo na provincia. Ademais, a investigadora do grupo CS1 Beatriz Martínez realizará unha análise das estratexias de comunicación e promoción cultural en redes sociais de diferentes institucións e organizacións sociais da provincia, así como do xeito no que se representa nestas o Camiño de Santiago, co obxectivo de definir un conxunto de recomendacións estratéxicas en materia de promoción cultural.

O investigador do grupo WellMove, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Adriano Sánchez levará a cabo o proxecto Ponte-Vida, dirixido a avaliar os beneficios que pode ter un programa de exercicio baseado na marcha nórdica, na saúde e calidade de vida de mulleres que superaron un cancro de mama. Profesora da Facultade de Fisioterapia e integrante do grupo HealthyFit, Irimia Mollinedo desenvolverá un estudo dirixido a coñecer as características sociodemográficas e as capacidades físicas e cognitivas de preto de 350 persoas diagnosticadas de párkinson, así como validar unha ferramenta de valoración da capacidade funcional desta poboación.

Publicidad

Por outra banda, o profesor de Dirección e Xestión Pública, Santiago Salvador estudará os instrumentos político-normativos que o actual marco xurídico ofrece á hora de abordar os retos demográficos, nun contexto de cambio climático e crise enerxética. Entre outros aspectos, analizará os desafíos que enfrontan as administracións locais á hora de implantar cláusulas ambientais e sociais nos seus procesos de contratación ou de facilitar a creación de comunidades enerxéticas.

E outros cinco no campus de Vigo

Ao abeiro desta convocatoria impulsaranse tamén cinco investigacións lideradas por investigadoras do campus de Vigo, como o proxecto centrado na criopreservación de medusas e na utilidade destas técnicas para a preservación da biodiversidade mariña, que a investigadora do CIM Estefanía Paredes centrará nas éfiras da especie Aurelia aurita. O impacto nos sedimentos da ría de Arousa dos cambios nos usos do solo na conca hidrográfica do río Umia será, por outra banda, o eixe central do proxecto da tamén investigadora do CIM Ángela Fontán, que empregará técnicas de teledetección, cartografía e análise xeoespacial para identificar as principais transformacións do territorio. Ademais, o integrante do grupo de Química Cuántica, Nicolás Ramos desenvolverá un estudo computacional das interaccións moleculares en sistemas biolóxicos dos contaminantes organoclorados, compostos químicos presentes en organismos e sedimentos mariños e que afectan negativamente á saúde humana e aos ecosistemas mariños.

Investigadora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Isabel Expósito estudará a viabilidade de empregar tecnoloxías sen fíos para mellorar a xestión de residuos nas zonas rurais e, máis concretamente, a posibilidade de empregar estas tecnoloxías para medir de forma automática o nivel de ocupación de cada colector, o que permitiría optimizar as rutas recollida do lixo. Entre os proxectos seleccionados atópase tamén o que Irene Dozo centrará no “ecosistema” do sector dos coidados na provincia de Pontevedra. A investigadora da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo analizará a realidade xurídico-laboral e sociolóxica dos e das traballadoras deste sector, pondo o foco tanto na súa protección social e atendendo á perspectiva de xénero, por tratarse dun sector feminizado.

Salir de la versión móvil