44 docentes e investigadores (PDI) e 20 membros do persoal técnico de administración e servizos (PTXAS) da UVigo protagonizaron este mércores a homenaxe que a institución académica lles rendeu pola súa xubilación ao longo do pasado curso 2024/2025. No acto, presidido polo reitor, Manuel Reigosa, as e os docentes e o persoal administrativo recibiu a insignia da UVigo en recoñecemento “o labor realizado no seo da nosa Universidade”, segundo sinalou a secretaria xeral, María José Bravo Bosch, na súa intervención.
Pilar Combarro Combarro ex docente e investigadora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, foi a encargada de falar en representación do PDI xubilado o curso pasado, que conforman un total de 27 homes de 17 mulleres. Nunha emotiva intervención, Combarro agradeceu a homenaxe “porque despois de tantos anos realizando un traballo que foi vocacional chegou o momento da remuda e outros continúan a nosa tarefa”. Pola súa banda, Jesús Pereira Rios, ex xefe de negociado da Área de Apoio á Investigación e Transferencia no edificio de Ciencias Experimentais, puxo voz aos 20 membros do PTXAS (11 mulleres e 9 homes) que se xubilaron o curso pasado. Subliñou, no seu caso, que a UVigo foi a súa casa durante moitos anos, cando todo botou a andar na rúa Oliva de Vigo. “Xa choveu dende aquela”, ao que engadiu que atrás quedan “grandes recordos e grandes amigos”.
Agradecemento e orgullo
Dicir adeus non foi para moitos deles e delas doado e, por iso, todos agradeceron “de corazón” este recoñecemento aos servizos prestados e, así mesmo, amosaron o seu orgullo por ter tido formado parte da UVigo, unha institución que tal e como lles subliñou o reitor, Manuel Reigosa, “é hoxe unha Universidade de primeira grazas ao esforzo comprometido de cada un de vós”, polo que a institución ten para con vós “agradecemento infinito”. Nesta liña, o reitor fixo fincapé en que a maior parte deles formaron parte da Universidade desde os seus inicios, foron parte do equipo que a puxo en marcha.
“O día de hoxe é unha homenaxe a todas e todos os que fixestes isto posible”, subliñou o reitor, ao tempo que lembrou que os inicios “non foron doados”, pero foron precisamente esas dificultades iniciais, as que imprimiron o carácter que hoxe ten a institución, “agararimosa coas súas egresadas e egresados e intensa en investigación”. Nesta liña, resaltou que “entre todos puxemos en marcha unha institución que naceu co soño compartido de formar parte da sociedade do sur de Galicia, hoxe pídovos unha novo compromiso: seguir compartindo este soño, seguir espallando a idea de que somos unha universidade aberta e igualitaria, sempre disposta a servir á sociedade galega”.
Testemuñas de avances vertixinosos
“Eu incorporeime á Universidade no 1991 e marcho recén cumpridos os 70, toda unha vida profesional nesta institución”, explicou Combarro, quen admitiu que os que agora se despiden foron testemuñas do avance vertixinoso, tanto en tecnoloxías docentes como investigadoras. “Recordo a nosa docencia baseada exclusivamente en leccións maxistrais, apoiándonos en transparencias, mentres que hoxe se dispoñen de técnicas máis innovadoras que permiten unha maior participación do alumnado”, lembrou a docente, facendo así fincapé no cambio profundo que se viviu nas últimas décadas no modelo de ensinanza, pasando dun modo tradicional, no que o docente transmitía, ata outro moito máis centrado no estudante e no que ganaron peso as prácticas en empresas.
En relación ao plano persoal, Combarro resaltou que tivo a sorte de contar cuns “marabillosos compañeiros e amigos” e que todos estes anos lle permitiron levar unha vida dinámica e innovadora. “Chega o intre do noso reemprazo por mozas e mozos moi preparados que inician a súa actividade profesional con tanto entusiasmo coma nós cando empezamos. En certo modo nós non desaparecemos de todo... algo de nós queda con eles, os nosos coñecementos e valores van pasando de xeración en xeración”.
