Dolores Garza renova por seis anos o cargo como decana de Ciencias Económicas e Empresariais

A catedrática de Economía Aplicada Dolores Garza Gil, directora do grupo de investigación Erenea, Economía dos Recursos Naturais e Ambientais, renovou este xoves o seu cargo como decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, funcións que xa viña desempeñando desde outubro de 2022. Foi nunha Xunta de Facultade na que figuraba como única candidata e na que se emitiron un total de 58 votos: 50 a favor, 3 en contra e 5 en branco.

Moi satisfeita polos resultados acadados, Garza agradeceu a todas as persoas que participaron nos comicios o apoio recibido. “É algo que, realmente, agradezo moitísimo, é moi satisfactorio e, desde logo, nos dá moito ánimo para continuar a traballar na liña na que xa estabamos”, salientou.

Equipa de dirección 100% feminina

Xunto a Dolores Garza, renovaron o seu cargo a totalidade de seu equipo, un grupo cen por cen feminino composto por: Ana de Prado, como secretaria; Raisa Pérez Vaz, como vicedecana de Organización Académica; Mª Xosé Vázquez Rodríguez, como vicedecana de Calidade; Mª Carmen Otero Neira, como vicedecana de Relacións Internacionais, e Lucy Amigo Dobaño, como vicedecana de Relacións Institucionais. “Trátase de dárlle un impulso á participación feminina nas cuestións de xestión, pero, en todo caso, o que valoramos é a capacidade, con independencia do xénero”, salientou Garza.

Presentarse á reelección foi, precisamente, unha decisión de equipo, “na que pesou a responsabilidade cara un proxecto colectivo de facultade iniciado hai tres anos”, explicaba Garza no intre no que se fixo pública a súa candidatura. Desde o seu punto de vista, os novos mandatos de seis anos -fronte aos tres anteriores- son un período excesivamente amplo. Nesta liña admite que a xestión require moita dedicación, “máis da recoñecida”, e inevitablemente hai que quitarlle tempo a outras actividades coma a investigación. “É certo que tres anos pode ser pouco tempo, especialmente cando hai proxectos en marcha, pero tres máis outros tres opcionais parécenos máis sensato, pois dá a posibilidade de decidir si se continua ou non”.

Co reto central posto na captación de novo alumnado

O seu principal obxectivo para este novo mandato sitúao na captación de alumnado, un tema que considera básico “dado que a poboación en idade de acceder á universidade está declinando”. A maiores, a nivel interno, gustaríalle seguir incrementando o respaldo no proceso de toma de decisión, involucrando a todos os colectivos e, a nivel externo, seguir mellorando a internacionalización do centro e a ampliación e consolidación da relación coa sociedade.

Con estas ideas como base, o seu programa de goberno céntrase en seis grandes liñas de actuación prioritarias: seguir incrementando a lexitimidade na toma interna de decisións; participar activamente na política universitaria; reforzar a captación de alumnado; potenciar a relación con outras facultades de Economía e Empresa; incrementar o nivel de internacionalización e reforzar e consolidar a relación coa sociedade.

Máis de 1600 estudantes matriculados

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais é un dos centros máis grandes da Universidade de Vigo e conta na actualidade con algo máis de 1600 alumnas e alumnos matriculados: 1434 de grao; 115 de mestrado e 80 de doutoramento. A súa oferta académica inclúe os graos en Administración e Dirección de Empresas, Economía e a dobre titulación ADE-Dereito, así como catro mestrados (Economía; Finanzas; Administración Integrada de Empresas e Responsabilidade Social Corporativa, eTécnicas Estatísticas).

Salir de la versión móvil