O Máster Universitario de Enxeñaría de Minas e o Máster Universitario en Enxeñería Informática acaban de converterse nas primeiras titulacións de mestrado da Universidade de Vigo en obter o selo internacional de calidade que outorga a Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (Aneca). En concreto, o primeiro obtivo o selo Eurace e o segundo o selo Eur-Inf, en ambos casos de xeito directo, sen prescricións e por un período de seis anos, ata maio de 2029, o máximo establecido.
Eurace, nome que recibe o selo para as titulacións do eido da enxeñaría, e Eur-Inf, para o eido da informática, son os certificados concedidos a unha universidade en relación cun programa formativo avaliado respecto a estándares de calidade, relevancia, transparencia, recoñecemento e mobilidade contemplados no Espazo Europeo de Educación Superior.
No caso da Universidade de Vigo, xa conta con nove titulacións de grao con este selo: Enxeñaría de Tecnoloxía de Telecomunicación, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Forestal, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría Química Industrial, Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría en Organización Industrial.
Malia iso, estas son as dúas primeiras de mestrado en acadar esta certificación, que se outorga despois dun proceso de avaliación no que se analizan dous criterios específicos: por unha banda, os resultados de aprendizaxe do selo internacional de calidade, que ten en conta que as persoas egresadas do título avaliado teñen acadado o tipo de resultados de aprendizaxe establecidos pola axencia internacional de calidade para a acreditación do selo dende unha perspectiva global; e por outra, o soporte institucional do programa educativo, é dicir, que o centro avaliado conte cun soporte institucional adecuado para o desenvolvemento do mesmo que garante a súa sustentabilidade no tempo.
Previamente á participación neste programa, as titulacións tiveron que superar unha renovación da acreditación ordinaria, neste caso coordinada por ACSUG e que analiza outros sete criterios xerais, establecidos normativamente.
Un pulo ás titulacións
Elena Alonso Prieto, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e tamén coordinadora do mestrado destaca que, en clave interna, contar co selo Eurace “supón cumprir uns estándares de calidade no ámbito da enxeñaría en Europa; dispor deste selo confirma que o plantexamento da titulación é adecuado ao contexto social, económico e industrial actual”. Pero ademais, para as persoas graduadas, engade, “ten especial valor, por canto permite visibilizar mellor a titulación fóra das fronteiras españolas. Cremos que contribuirá, sen lugar a dúbidas, a mellorar a empregabilidade da titulación, que xa é actualmente moi boa, en países estranxeiros e tamén a mellorar a captación de alumnado”.
Alma Gómez, directora do Máster Universitario en Enxeñaría Informática coincide esencialmente coa directora da EEME, e recalca que “dende a ESEI consideramos este selo coma un recoñecemento do bo labor docente e técnico que se está a facer na titulación. O selo do mestrado únese ao selo Euro-Inf que xa obtiveramos para a titulación de Grao en Enxeñería Informática en xuño de xuño 2019 e, deste xeito, dúas das titulacións do centro, teñen o selo de calidade europeo”.
Tanto Alonso como Gómez recalcan a importancia de ter obtido este recoñecemento sen prescricións, “porque non adoita ser o habitual” e poñen en valor “o traballo que está detrás da solicitude”, no que estivo implicado profesorado, alumnado, persoal de administración, persoas egresadas, empregadores, etc. No caso da EEME, Elena Alonso destaca o esforzo realizado polo coordinador de Calidade do centro, Guillermo García, e por Raquel Gandón, persoal técnico da Área de Calidade, “os méritos e as evidencias do desenvolvemento do proxecto formativo están aí”, puntualiza, “pero é importante trasladar a información de forma clara e precisa”.
Para Alma Gómez, o feito de obter o selo sen prescricións e sen que sexan necesarias recomendacións de mellora implica que este “se axusta perfectamente aos resultados de aprendizaxe establecidos a nivel europeo para un enxeñeiro en Informática” pero este recoñecemento, engade, “non frea o interese por seguir mellorando á calidade do Máster en Enxeñería Informática; neste momento estamos a traballar na posibilidade de amplialo á formación dual”, conclúe.