Dous proxectos do CINBIO candidatos biotech aos XI Premios Bioga

Dous proxectos promovidos pola investigadora principal do grupo CellCOM do CINBIO, María Mayán, son finalistas aos XI Premios Bioga na categoría Bioidea Empresarial, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro venres día 24 no Biopolo Sionlla de Santiago de Compostela. Nun dos traballos investigan un potencial tratamento para o cancro de mama triplo negativo, caracterizado pola súa agresividade e mal prognóstico e, no outro, para a osteoartrite, a forma de artrite máis prevalente en todo o mundo.

Convocados polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias de Vida (Bioga) os galardóns celebran este mes a súa XI edición como premios autonómicos que recoñecen a consolidación empresarial, o talento e a innovación no sector biotech, incentivando o labor de empresas innovadoras neste ámbito e promovendo a xeración de novas iniciativas. Trátase dun recoñecemento apoiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e no que nesta ocasión compiten un total de 18 proxectos e empresas biotech de Galicia repartidos en tres categorías: Bioempresa Innovadora, Bioempresa Xove e Bioidea Empresarial.

Os Premios Bioga son un gran recoñecemento na contorna da innovación, polo que agardamos que poidan ser de axuda para espertar a atención de empresas que poidan estar interesadas en transferir ambas tecnoloxías co obxectivo de desenvolver terapias innovadoras en envellecemento e cancro”, explica Mayán.

O cancro de mama e a osteoartrite como foco de bioidea empresarial

Adscritos ao CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, o grupo CellCOM está a investigar un potencial tratamento do cancro de mama triple negativo a través dunhas nanovesículas que restablezan niveis dunha proteína implicada na comunicación celular. Polo de agora conseguiron xa identificar unha nova diana que participa na sinapsis inmunitaria, restaurando a resposta inmune antitumoral.

O segundo proxecto de CellCOM candidato aos Premios Bioga busca tratar a osteoartrite a través dun mecanismo molecular baseado nunha conexina con actividade senoterapeútica. A osteoartrite incide sobre todo na poboación de idade avanzada, afectando considerablemente á súa calidade de vida, causando dor e mobilidade reducida. A estratexia terapéutica proposta polo equipo liderado por María Maýan ten por obxectivo transformar o tratamento desta doenza crónica mediante o uso de terapias baseadas en péptidos que restauran a capacidade de rexeneración do tecido, e que é tamén potencialmente aplicable a outras enfermidades asociadas ao envellecemento.

Salir de la versión móvil