Elsa Vázquez asume as rendas da Facultade de Ciencias do Mar

Publicidad

Tras 28 anos como docente, a catedrática da Área de Zooloxía Elsa Vázquez Otero foi elixida este mércores nova decana da Facultade de Ciencias do Mar, un reto que, tal e como xa afirmara cando se fixo pública a súa candidatura ao cargo, asume como o “maior orgullo” que pode ter como docente e investigadora. Elixida co apoio do 94,5% dos votos emitidos na Xunta de Facultade -35 votos a favor, 2 en branco e ningún en contra-, iniciará agora unha nova etapa na que, tal e como afirmou ante as súas compañeiras e compañeiros, tratará de “traballar xuntos para que sigamos con esta magnífica contorna educativa, para que dotemos ao noso estudantado non só de coñecementos, senón tamén de ferramentas para a vida”. Nesta liña, a xa nova decana remarcou a importancia de “ensinar a ler e escoitar con sentido crítico”, “o único que nos pode salvar da atmosfera de desinformación que o invade todo”.

Xunto a Elsa Vázquez completan o novo equipo de dirección do centro a investigadora Ramón y Cajal Estefanía Paredes, da Área de Zooloxía, que ademais dos seus labores como secretaria do centro tamén levará as redes sociais xunto cun grupo de estudantes; como vicedecano de Calidade continuará o profesor Óscar Nieto e, como vicedecana de Mobilidade, a profesora da Área de Ecoloxía, Cristina Sobrino, que se incorpora agora a este equipo decanal.

“Queremos conseguir máis recursos”

O noso obxectivo xeral é seguir defendendo os intereses da facultade e a valía dos nosos egresados e egresadas nesta contorna laboral que cambia tan rapidamente. Tamén queremos conseguir máis recursos, recoñecemento e apoio institucional para que sigamos tendo unha educación pública de calidade”, explicou no seu discurso ante a xunta de facultade, ao que engadiu que tamén lle gustaría poder implementar enfoques de aprendizaxe cada vez máis inclusivos e que” a igualdade de xénero e a tolerancia sexan eixos transversais de todas as nosas accións”.

Indo aos detalles desta meta xeral, Vázquez salientou cuestións de carácter máis específico. Neste sentido, falou de internacionalización, “o que ata agora era o meu negociado no vicedecanato”, salientando que lle gustaría ampliar o número de materias que se imparten en inglés -este curso pasaron de 5 a 8-, e seguir a aumentar o número de universidades estranxeiras coas que a facultade ten convenio…

No seu programa de goberno tratará tamén de abordar determinados cambios de normativas, entre eles, a relativa a dos Traballos Fin de Grao, incluíndo xa os novos procedementos impostos por SIGMA, así como que se contemple a posibilidade de que o alumnado poida realizar este traballo en empresas, cotitorizados por profesorado da facultade.

Titulacións singulares “con necesidades moi específicas”

Fixo tamén especial fincapé na importancia de considerar que as dúas titulacións do centro, o grao e o mestrado, como singulares “con necesidades moi específicas de saídas de campo que inclúen non só autobús, senón barco”, o que encarece moito este tipo de actividades, “polo que consumen practicamente todo o orzamento da facultade, quedándonos sen marxe para calquera imprevisto ou necesidade que poida xurdir”.

No referente ás actividades de promoción da titulación, Vázquez indicou que se seguirá a impulsar o plan de promoción e difusión para atraer alumnado para o que seguirá participando en visitas e charlas a colexios e institutos, feiras, etc. Nesta liña, tamén fixo mención á Semana de Cine Submarino, que agora codirixen ela mesma e o profesor Jesús Troncoso, “que nos permite que a facultade cobre protagonismo na cidade e coa que agardamos seguir”. Por outra parte, tamén anunciou que se retomarán as clásicas actividades complementarias que se realizaban os xoves, nas que se incluirán charlas con persoal investigador, de empresas, ONG… “que podrían servir, ademais, como orientación laboral”.

Salir de la versión móvil