Os dous "grandes conciertos" que anunciou Abel Caballero para o Entroido de Vigo suscitaron controversia. O BNG vigués amosou este martes as súas críticas. O seu candidato á Alcaldía, Xabier P. Igreas, valorou negativamente a decisión de Abel Caballero de reducir a celebración a unha “verbena coas actuacións dunha coñecida cantante de pop español e unha banda de rock madrileña”. “Con decisións deste tipo o goberno municipal promove unha visión algo impostada e forzada que volve demostrar, unha vez máis, que ten unha visión cultural raquítica, acomplexada e con todo respeito, algo casposa” di o candidato nacionalista.
O BNG de Vigo quere recordar que Vigo é unha das poucas cidades galega cunha figura tradicional do entroido urbano, como son ‘os Merdeiros’, que foron recuperados hai poucos anos despois de ficar practicamente desaparecida desde os anos 20 do século pesado. Neste sentido, reivindicou “poñer en valor e potenciar o entroido vigués, cun forte acervo popular e con importante celebración en todos os barrios e parroquias da cidade”. Fronte a contratación de dous espectáculos con grupos musicais foráneos, Igrexas demandou “valorizar as comparsas, as coplas de entroido e os pasarrúas” e apoiar con determinación ao “tecido cultural e veciñal que fai posíbel o entroido vigués“.
Xabier Pérez Igrexas tamén fai referencia á intención de Abel Caballero de comparar o Entroido vigués co popular Carnaval de Río de Janeiro en Brasil. “Se se quere dimensionar o noso entroido hai que facelo desde o amor propio, dende a valorización de todo o que nos caracteriza”, reclamou.
O candidato á Alcaldía de Vigo polo BNG sinala que o goberno municipal ten que superar esa visión “acomplexada e provinciana” e que non está á altura da nosa cidade. “Se dalgo ten que ser escaparate o entroido de Vigo é da enorme potencia de creación musical que temos, con grupos propios que apostan pola nosa cultura”, remacha. Pérez Igrexas lamenta que levamos anos padecendo esta situación tamén na programación das festas de verán e chama a non “aldraxar o noso entroido”.