Aprender xogando é efectivo e tamén divertido pero, para as nenas e nenas ingresadas nun hospital, supón ademais unha oportunidade máis ca necesaria para rachar coa rutina. Con esta intención naceu hai tres anos un proxecto de Aprendizaxe-Servizo que involucra a estudantes do grao en Enxeñaría Biomédica que, durante o primeiro cuadrimestre do curso, comparten as súas tardes cos pacientes pediátricos do Álvaro Cunqueiro.
Á fronte desta iniciativa está Eduardo Suárez Porto, profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, que explica que a finalidade é que o alumnado de 3º curso do Grao en Enxeñaría Biomédica poña en práctica os coñecementos relacionados coa Mecánica de Fluídos ao tempo que adquiren competencias relacionadas co compromiso ético, a responsabilidade social ou o traballo en equipo, facendo á vez un servizo á comunidade, “que é a esencia dunha metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS)”. E é que estas sesións, que comezaron esta semana e se estenderán durante varias tardes dos luns ata o mes de decembro achegan coñecementos científicos ás e aos cativos pero tamén lles axudan a distraerse das rutinas médicas, reducen a súa ansiedade e melloran o seu estado de ánimo.
Un Samaín científico
Na primeira visita ao centro hospitalario vigués, que tivo lugar esta semana, participaron 10 estudantes universitarios, os primeiros un total de 18 grupos inscritos nesta edición do proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS). Aproveitando a proximidade do Samaín, algunhas das alumnas acudiron caracterizadas de bruxas “para teatralizar de forma máis amena as explicacións e experimentos preparados”. Como relata o docente Eduardo Suárez, “puidemos ver lume no interior dun vaso, construímos entre todos con auga, aceite, unha pastilla efervescente e un pouco de colorante unha lámpada de lava”. Tamén experimentaron con conceptos relacionados coa tensión superficial, a densidade e a presión, mediante unha grúa hidráulica accionada con xiringas. Outras da propostas coas que puideron xogar as nenas e nenos foi o que se coñece como fonte de Herón que funciona de forma autónoma e unha copa de Tántalo que, como detalla Suárez Porto, “impide aos avariciosos encher a copa máis da conta”. Tampouco faltaron, engade, “experimentos clásicos como o da auga con Maizena, un dos máis divertidos e, á súa vez, ‘sucios’, que consiste en mesturar ambos compoñentes ata conseguir unhas propiedades que o converten nun fluído non-newtoniano, que se comporta como un sólido ante esforzos elevados e como un fluído cando se lle exercen forzas pequenas.
Éxito de participación entre o alumnado universitario
Suárez Porto, que coordina esta iniciativa en colaboración con Christian Gil e Marcos Conde, todos docentes da Escola de Enxeñería Industrial e investigadores do Cintecx e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, amósase moi satisfeito coa implicación do seu alumnado con este proxecto. Con 50 estudantes inscritos, supón máis do 80% do alumnado matriculado na materia de Mecánica de Fluídos, “e máis do 90% dos alumnos e alumnas que realmente cursan a materia se temos en conta que hai matriculados que están de Erasmus ou que xa superaron a materia na convocatoria de final de carreira”. Son cifras que considera “moi positivas, máis aínda tendo en conta que a actividade é voluntaria e non realizada non penaliza na avaliación”.
A actividade é unha das seleccionadas dentro da convocatoria de Proxectos aprendizaxe servizo 2024-25 no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS e obtivo apoio económico a través da Convocatoria de axudas económicas para as actividades dos GID 2024. Este é o terceiro ano que o alumnado de Enxeñaría Biomédica participa nesta proposta e, nesta edición, presentouse á III Edición do premio galego de educación para o desenvolvemento e cidadanía global e está presente no Mapa de experiencias de educación para a cidadanía global - Cénit.