Estudantes de Vigo, Salceda e Redondela, á vangarda nas novas perspectivas de xénero

Publicidad

A área de Vigo levou esta noite cinco galardóns da IV edición dos Premios Sofía Novoa Ortiz, impulsados pola Deputación de Pontevedra, que valoran aos mellores Traballos de Fin de Grao e Máster con perspectiva de xénero presentados na Universidade de Vigo.

A Gala, á que asistiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deputadas e deputados do goberno provincial, autoridades académicas da Universidade de Vigo e o sobriño de Sofía Novoa, Juan Francisco Novoa Doce, permitiu coñecer algúns dos traballos feitos na área de Vigo que están a vangarda das perspectivas de xénero.

Karen Giselle Engster Appezato de Salceda e Cristina Pérez Carmuega de Pontevedra foron premiadas na modalidade de Fin de Grado con 1.000 euros.Engster Appezato elaborou un traballo no que realizou unha análise das modificacións gramaticais e léxicos que implica a adaptación da Constitución Española a unha linguaxe inclusiva. Pola súa banda, Pérez Carmuega preparou unha proposta de deseño de dous proxectos con perspectiva de xénero para a educación infantil e a súa implantación nunha aula.

Na mesma modalidade de Traballos Fin de Grao tamén recibiu un premio de 600 € Antía Álvarez Martínez, de Vigo, polo seu estudo no que afonda na transexualidade durante a infancia, concretamente na educación infantil, analizando a aceptación deste colectivo por parte da comunidade educativa.

En canto á modalidade de Traballos Fin de Máster alzáronse cos premios de 1.000 € Marta Molina Rivera de Vigo e Rut Guinarte Mencía de Redondela. A primeira presentou unha investigación sobre o grao de sensibilización do profesorado de FP coa igualdade de xénero, así como o interese, coñecemento e implicación con respecto á formación e recursos dispoñibles do colectivo docente. Pola súa banda, Guinarte Mencía elaborou un estudo no que se integra a perspectiva de xénero no ensino de inglés nas Escolas Oficiais de Idiomas a través do deseño e implantación dunha sesión de 120 minutos que conxuga coidados e mediación.

Tamén na modalidade de Traballos Fin de Máster recibiu un premio de 600 euros Fernando Miguel Otero Fernández, de Vigo, quen afondou na realidade do alumnado trans e describiu as actuacións que se poden levar a cabo desde o ámbito educativo para mellorar a súa calidade de vida.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou durante a gala sentirse “moi orgullosa polo elevado nivel técnico dos traballos galardoados” e animou ás persoas gañadoras “a que non paredes, a que continuedes dirixindo a vosa traxectoria cara a consecución da plena igualdade entre mulleres e homes”. “Consideramos fundamental –engadiu a presidenta- que dende o coñecemento, a investigación e a análise rigorosa se incorporen os principios de igualdade”.

O acto, conducida pola xornalista Edurne Baines, estivo amenizado coa música da frautista Laura Lorenzo e pianista Yamini Teresa Prabhu, que interpretaron pezas de Fanny Mendelssohn, Béla Bartok, Manuel de Falla e Gabriel Fauré. Tamén se recordou a traxectoria de Sofía Novoa, unha muller cunha grande cultura pero silenciada e esquecida pola historia. Novoa, dende a pedagoxía, fixo grandes aportacións á sociedade, empregou a música como vehículo para o ensino e loitou para que as mulleres ocupasen espazos públicos, concretamente, traballou nun programa educativo que posibilitaba o acceso das mulleres á educación superior.

Salir de la versión móvil