O Boeiro I, primeiro barco solar da Universidade de Vigo, xa navega nas augas do Mediterráneo. Tras unha longa viaxe por estrada, o luns arrancaron as probas da Mónaco Energy Boat Challenge, onde o equipo de CES-UVigo Solar compite con outros 36 equipos procedentes de 30 universidades e 25 nacionalidades. Tal e como estaba previsto, os tres primeiros días foron de intensas revisións técnicas, cuxos resultados determinaban que embarcacións eran aptas para competir, un filtro técnico que o trimarán vigués superou sen dificultade, o que lle deu acceso directo ás probas deportivas nas augas da baía de Mónaco.
“Despois de todo o traballo que investimos na preparación do Boeiro 1, esperamos dar algunha que outra sorpresa”, explica o líder do equipo, Marcos Pardeiro, quen admite a satisfacción de que o Boeiro fose quen de superar todas as probas técnicas. Agora toda a delegación desprazada a Mónaco está ansiosa por volver practicar no peirao do club de iates as diferentes probas ás que deberán enfrontarnos cos outros 16 equipos participantes na categoría solar.
Probas de velocidade, resistencia, carreira de obstáculos
As probas deportivas arrancaron o xoves cunha volta de cualificación que consiste en percorrer media milla náutica (aproximadamente 1000 metros) en liña recta desde o peirao ata unha boia, que deberán rodear para volver ao mesmo punto de partida e, xa despois, participarán tamén nunha proba de velocidade na que deberán percorrer un quilómetro no menor tempo posible.
Este venres será a proba de resistencia, na que deberán navegar por un circuíto de, aproximadamente, cinco quilómetros e medio, o que porá a proba a calidade das súas placas solares e a fiabilidade da súa batería, Miudiña 2.
A competición finalizará o sábado cunha proba de slálom, unha carreira chea de obstáculos que requirirá gran habilidade de condución e maniobrabilidade do Boeiro I. No caso de clasificarse, disputarían a Championship race, onde se enfrontarían co outro equipo gañador nunha regata de velocidade.