“Hoxé é un día importante para loitar contra a impunidade, o silencio e o esquecemento dos crimes de lesa humanidade cometidos durante o Franquismo”. Así o manifestaron hoxe as familias Bóveda, Caamaño e Paz que, xunto a súa equipa de avogacía, presentaron esta mañá no Consulado arxentino en Vigo as querelas contra o franquismo que se unirán á causa seguida pola xuíza Servini na Arxentina polos asasinatos acontecidos en agosto e novembro do 1936 en Pontevedra.
Na formalización da querela estiveron presentes Amalia Bóveda Álvarez e Valentín García Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda, dirixente galeguista fusilado no monte de A Caeira o 17 de agosto de 1936; Begoña Caamaño Santos e Olga Caamaño Santos, netas de Amancio Caamaño Cimadevila, médico e presidente da Deputación nos anos 1932-1933, fusilado en A Caeira o 12 de novembro de 1936; e ‘Cano’ Paz García e Anxos Paz García, netos de Ramiro Paz Carbajal, impresor e líder político pontevedrés fusilado en A Caeira o 12 de novembro de 1936. Tamén estiveron presentes no acto representantes de CeaQua, Iniciativa Galega pola Memoria, e a deputada provincial de Memoria Histórica María Ortega.
Todas e todos eles subliñaron que a reclamación pretende poñer en valor o dereito á verdade, á xustiza, á reparación e á dignidade, xa que as vítimas foron asesinadas tralo golpe de estado franquista pola defensa do governo civil de Pontevedra, os valores democráticos e a liberdade.
A querela, segundo explicou a avogada da equipa de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo, Irene Álvarez Francés, requiriu dun traballo de moita recompilación de datos que deu os seus froitos. “Neste labor contamos con causas sumarísimas que poderían ter facilitado o traballo, pero conseguir certificados e outra documentación como cartas, fotografías ou outros elementos que puidesen probar a represión sistemática das familias que se adhiren á querela tivo as súas dificultades”, subliñou.
Álvarez destacou a importancia da adhesión das familias á querela arxentina “basicamente porque nos atopamos nunha situación na que o Estado Español está a consolidar un sistema de impunidade porque non quere investigar e enxuizar os crimes de lesa humanidade cometidos durante toda a ditadura franquista e durante a transición”, afirmou. Subliñou que a formalización da querela -coa colaboración con CeaQua e a Iniciativa Galega pola Memoria- supón un paso que consolida o inicio das reclamacións en Galiza e permite avanzar e “recompilar máis casos, seguir nas pesquisas e loitar contra a impunidade e o silencio e esquecemento dos crimes cometidos de lesa humanidade nese periodo”.
“Recuperación de dereitos colectivos”
Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda e membro da Fundación Alexandre Bóveda, explicou que “aínda que xa está demostrado que foron asesinados inxustamente” hoxe se entregou no Consulado toda a documentación e aportación histórica e xudicial que o demostrará formalmente no proceso xudicial aberto na Arxentina. O obxectivo da demanda, destacou Bóveda, é que este proceso se convirta “nunha vía de recuperación de dereitos colectivos non só de Paz, Caamaño e Bóveda, senón de todos os fusilados e represaliados e de toda unha sociedade que vive desmemoriada absolutamente”.
Instou a que a querela sirva para animar a outras familias posto que, ao seu entender, hai algunhas “que coñecen perfectamente que os asasinatos dos seus familiares foron inxustos e seguen con medo a tomar este camiño”. “Que valga de revulsivo porque falamos de milleiro de casos, e iso tamén demostraría que non foron crimes individuais, senón crimes de lesa humanidade, colectivos, e que por suposto non prescriben, polo que a Lei da Amnistía non tería lugar”, salientou.
Begoña Caamaño, neta de Amancio Caamaño, subliñou que a presentación da querela pretende “buscar xustiza para unha xente que foi asasinada por defender os dereitos dunha democracia contra un golpe militar”. Tamén insistiu na crítica á Lei de Amnistía, da que dixo “non debeu ter saído así nunca”, puntualizando que “non se busca unha venganza, pero si un recoñecemento -a estas alturas na que a inmensa maioría dos personaxes que actuaron aquí naquel momento están mortos- da grande inxustiza que se fixo con toda esta xente”.
Cano Paz manifestou, pola súa banda, que a idea principal que o moveu a el e á súa irmá a presentar a querela é dar continuación ao labor do seu pai: “toda a vida intentando… buscando papeis, indo a rexistros, por un lado e por outro sen conseguir froitos”. “Agora continuamos nós e imaxino -e agardo- que sigan as miñas fillas porque isto non vai rematar aquí. Estou seguro que o Estado ten suficientes armas para ternos calados a nós e a outros moitos, polo que queremos recordar a todos os fusilados, represaliadas e toda a xente que sufriu penurias a raíz do golpe do Estado do 36”, finalizou.
A deputada de Memoria Histórica María Ortega apuntou que é fundamental que sexa a xustiza a que recoñeza oficialmente que as condeas, os asasinatos, as torturas, ou as depuracións de galegas e galegos polas súas ideas “foron realmente crimes contra a humanidade” e non feitos individuais. Tamén criticou que a día de hoxe aínda non sexa posible encarar a represión nos tribunais españois, senón que é preciso agardar resultados dun xulgado arxentino ou de tribunais internacionais.
Ortega, quen quixo acompañar ás familias ante o Consulado de Arxentina en Vigo, afirmou que “como institución comprometida estaremos sempre do lado das vítimas”. Lembrou que este proceso comezou en 2019, cando se iniciaron os contactos coas familias Bóveda, Caamaño e Paz, que tomaron parte dun acto simbólico no Pazo Provincial para manifestar a súa participación na querela