Galicia xa está en modo electoral. Núñez Feijóo convocaba con urxencia onte a todas as galegas e galegos para o domingo 5 de abril. En menos de 24 horas, o presidente da Xunta confirmou que volverá ser o candidato do PPdeG nos comicios autonómicos. O aspirante dos populares galegos afrontará a súa cuarta campaña electoral. Buscará renovar o mando ao fronte do Executivo galego nun momento de escaseza nas maiorías absolutas que protagonizaron os seus doce anos de goberno. “Se o obxectivo de calquera gobernante é deixar as cousas mellor que cando chegou, o obxectivo está cumprido. Pero non foi a Xunta. Non foi o PPdeG. Non fun eu. Foi Galicia”, afirmaba esta mañá ante os seus compañeiros de partido.
As primeiras verbas do candidato Feijóo, que ofreceu unha intervención na que fixo balance do seu papel como presidente da Xunta de Galicia dende 2009, sinalaron que Galicia ten agora “máis sanidade pública, con mellores hospitais e centros de saúde” e destacou que “ten unha política social que chega a máis cidadáns” e “aporta estabilidade ao conxunto e mostra que hai unha política útil”.
Feijóo apelou ao seu compromiso coas galegas e os galegos. “Ante calquera dúbida, ante calquera elección, ante calquera cuestión, sempre digo Galicia”. O candidato do PPdeG xa lanzou unha mensaxe aos seus rivais nos comicios do vindeiro 5 de abril. “Non me presento para liderar ningún bloque de partidos fronte a outro bloque, senón que preséntome para presidir a todos os galegos”. O aspirante ao seu cuarto mandato ao fronte da Xunta rematou sinalando que o obxectivo é que “Galicia non perda a súa estabilidade”. Esta última declaración podería entenderse como unha referencia ao seu rexeitamento a formar unha coalición electoral de dereitas con Ciudadanos. Porén, nada está pechado, nin confirmado nin desmentido, oficialmente.