Fonda conmoción na Facultade de Filoloxía e Tradución polo pasamento de Antonio Rifón Sánchez

Publicidad

“Antón (todos lle chamabamos así) é persoa moi querida, respectada e recoñecida no centro onde desenvolveu un traballo intenso, non sempre coñecido pois a discreción é unha das súas mellores calidades”. Nestes termos refírese o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, José Montero Reguera, a quen considera “un irmán”, o docente e investigador, titular de Lingua Española no centro, Antonio Rifón Sánchez (A Coruña, 1965), falecido nas últimas horas, por mor dunha enfermidade. A confirmación do pasamento de Rifón provocou fonda conmoción no PDI e PAS do centro, ao que chegou no ano 1995, logo de doutorarse na USC, baixo a dirección de Xesús Pena Seijas, cunha tese sobre a derivación do español, “que lle abriu o seu camiño investigador no eido da morfoloxía do español onde acabou sendo unha das referencias ineludibles”, sinala o decano da FFT.

Na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo dirixiu o Departamento de Lingua Española, investigador principal de varios proxectos, coordinador do grupo de investigacion GRADES e do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Rifón foi tamén “un dos almus pater do novo grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española”, explica Montero, que destaca que “o seu maxisterio queda reflectido na media ducia de teses que dirixiu, nas máis de vinte e cinco promocións de estudantes (Filoloxía Hispánica, Tradución e Interpretación, Galego e Español, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios) para os que a morfoloxía e a semántica non son palabras baleiras e nas súas achegas investigadoras (libros, artigos, capítulos de libros). É un académico moi completo que non agochou a cabeza cando tivo que coller responsabilidades de xestión, participando, ademais en múltiples comisións e en todas as encomendas que dende o decanato da Facultade lle foron asignadas, sempre con verdadeiro e exemplar sentido de servidor público”, detalla o decano do centro.

Esixente co seu traballo, discreto e estudoso de todo

Desde a súa chegada á FFT no ano 1995, Rifón e Montero compartiron departamento e área de coñecemento (Filoloxía Española), ademais dunha amizade xurdida “de inmediato, natural, franca e aberta”. Entre os froitos da súa colaboración, a creación da revista Hesperia. Anuario de Filoloxía Hispánica, co obxectivo de “poñer o departamento no mapa da filoloxía en España”, foi un dos máis salientables. “25 anos despois a aventura segue, agora nas mans de quen foron as nosas alumnas, hoxe xa mestras nos seus eidos de investigación. Desapareceu o antedito departamento; tamén a área de coñecemento, mais a amizade, como a revista, continúo dende departamentos e áreas distintas. Traballamos moito xuntos e, penso, que fomos quen de axudar a converter os estudos de filoloxía española en Vigo (lingua e literatura españolas) en referencia importante no sistema universitario español”, explica Montero Reguera.

Pero máis aló dos logros académicos, o decano da FFT destaca os valores persoais de Rifón, a quen define como un home discreto, “pouco dado á vanagloria e ao ‘me cachis qué guapo soy’. Moito tería que aprender a Academia de académicos como Antón, que colaborou sempre para que as cousas foran mellor de como lle chegaron a el; sempre cun sorriso, a mellor disposición e moito traballo ás costas. Por difícil que fora, unha complexa ou delicada reunión chegaba sempre a bo porto se estaba el”, destaca Montero. O decano da FFT tamén pon en valor a esixencia de Rifón co seu traballo, ata o punto de que as e os seus compañeiros facían brincadeiras co tempo que demoraba en reunir todos os materiais para redactar un artigo, que sempre resultaba impecable.

“Culto, lector, amigo dos seus amigos, tiña sempre tempo para explicar unha cousa, por pequena que fose, ao seu alumado; inquieto, curioso, estudoso de todo, chegou a completar unha segunda licenciatura (Filosofía) e a expresarse con certa ‘dignidade’ en ruso. E con retranca, sempre con moita retranca e ironía”, lembra Montero, para quen “no complicado mundo da Universidade non son moitas as persoas que son quen de unir, de xerar consenso e buscar o ben común. Antón era unha destas persoas. A Facultade vai botarlle moito de menos. Eu perdín un irmán”.

Salir de la versión móvil