O Servizo Galego de Saúde acadou, no pasado ano, unha cifra de 110 doazóns de órganos e mantivo en 328 a cifra de transplantes de órganos nos seus hospitais, uns datos moi destacables, tendo en conta a actual pandemia de Covid. Así mesmo, resulta especialmente salientable o feito de que o número de transplantes de corazón feitos en Galicia foi o máis alto a nivel nacional, e o número de transplantes de pulmón foi o mais alto en Galicia desde que comezou o programa no ano 1999 e o segundo do Estado.
Estes datos foron dados a coñecer hoxe, en rolda de prensa, na que estivo presente o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; e a coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.
Do total de transplantes, 141 foron de ril; dos cales 17 procedían de doante vivo, 103 de fígado, 2 de páncreas, 29 de corazón e 53 de pulmón. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2020, xa se levan feitos en Galicia un total de 8.623 transplantes de órganos.
Doadores de órganos
O número de doadores de órganos cadáver en Galicia situouse en 110 (71 na provincia da Coruña, 7 na de Lugo, 7 na de Ourense e 25 na de Pontevedra); dato que supón que haxa unha taxa 40,7 doantes por millón de habitantes, tres puntos por riba da media nacional.
No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (65%), seguidos da encefalopatía anóxica por parada cardíaca, e dos traumatismos cráneoencefálicos por accidentes non de tráfico, sendo a porcentaxe de doadores por accidente de tráfico de tan só un 5,5%. Con respecto á idade media do doador, foi de 60,7 anos.
Deste xeito, desde o ano 1981, data do inicio do programa de transplantes en Galicia, ata o pasado 2020, en Galicia téñense rexistrado preto dos 3.000 doantes de órganos.
Índice en descenso
A porcentaxe de negativas familiares situouse o pasado ano nun 19,7%, o que confirma a tendencia descendente das mesmas, a pesar do pequeno repunte producido. Así mesmo, salientar que, actualmente, en Galicia 118.006 persoas teñen a tarxeta de doador de órganos. Destas, 2.184 son novas tarxetas rexistradas no 2020 pola Coordinación de Transplantes de Galicia de ADOS.
Polo que se refire á doazón de medula ósea, salientar que Galicia rexistrou 928 novos doadores. Deste xeito, Galicia conta con 12.458 doadores rexistrados. Hai que destacar o número importante de rexistros pese ás limitacións debidas á pandemia de Covid.