Galicia volve a saír á rúa. É a concentración máis triste. A da condena dun novo feminicidio, neste caso o que sucedeu a pasada fin de semana no municipio lucense da Pastoriza. A Marcha Mundial das Mulleres organiza para este luns 27 de xaneiro unha serie de mobilizacións por diferentes puntos da comunidade galega. Vigo, Redondela, Moaña, Bueu, O Porriño e A Guarda son os lugares do sur da provincia de Pontevedra que acollerán diferentes concentracións para denunciar a violencia machista baixo o lema de “Basta de feminicidios: o machismo mata!”.
A maioría das concentracións terán lugar ás 20:00 horas. No caso de Vigo será diante do Museo Marco, en Moaña será na Praza do Concello, en Bueu diante da Casa Consistorial, en Redondela na Praza do Concello, no Porriño na Praza do Concello mentres que na Guarda a protesta será ás 20:30 horas na Praza do Reló.
As mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres tamén terán lugares noutros lugares como A Coruña, Pontevedra, Ourense, Lugo, Monforte, Betanzos, Allariz ou Vilagarcía da Arousa.