O territorio do Miño transfronteirizo abriu hoxe “unha guerra reivindicativa”, nas verbas da Deputación de Pontevedra, para reclamar que os fondos do próximo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 da Unión Europea se destinen realmente e de maneira prioritaria ás zonas de fronteira. Consideran que o 75% dos fondos debe investirse no territorio a menos de 50 quilómetros da raia e debe crearse unha convocatoria específica para un proxecto centrado no Miño.
Como primeiro acto de forza, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o presidente da CIM Alto Minho, Manuel Batista, e o director do AECT Rio Minho, Rui Teixeira, acompañados de máis dunha vintena de alcaldesas, alcaldes e presidentes dos concellos e câmaras miñotos, asinaron este martes unha declaración conxunta coa reclamación económica.
O documento de hoxe sumase ás alegacións oficiais xa presentadas nos meses anteriores. Será remitido tanto á Unión Europea como, de maneira específica, aos gobernos centrais de Madrid e Lisboa e á Xunta de Galicia, por ser as entidades que desenvolveron as bases do actual programa operativo, pendente aínda de aprobación final. As reivindicacións, anunciaron, non pararán na vía e institucional: nas vindeiras semanas vanse poñer en marcha unha campaña divulgativa e organizaranse máis actos reivindicativos públicos.
Na reunión deixouse claro que a petición do territorio do Miño de solicitar os fondos POCTEP ten un doble motivo. O primeiro, "a lóxica e a coherencia", posto que os fondos europeos de Cooperación Transfronteiriza, como o seu nome indica, naceron no seu momento para compensar os territorios de fronteira por non poder interrelacionarse economicamente debido aos límites administrativos. Afirmouse que non ten sentido que, como acontece agora – e como defenden tanto os estados centrais como a Xunta incluso fronte ás recomendacións comunitarias-, se admitan como territorios beneficiarios zonas como Sevilla, Córdoba ou Valladolid, ou todo o territorio portugués salvo a área metropolitana de Lisboa, todos eles moi lonxe da fronteira.
O segundo motivo para reivindicar os fondos POCTEP para os territorios da ‘raia’ é a "urxente necesidade de compensación" polo peche de fronteiras durante a pandemia da COVID-19, que creou un duplo impacto económico negativo demostrado en diferentes estudos universitarios. “Se sempre tivo que ser así, os fondos para a fronteira, agora aínda máis”, dixeron.
O director do AECT, Rui Costa, xunto co vicedirector, Uxío Benítez, explicou que a declaración conxunta de hoxe asinouse para defender os intereses das e dos 376.000 habitantes da rexión miñota e das 13.000 persoas traballadoras transfronteirizas da zona, pola que pasa máis do 50% do tráfico entre España e Portugal.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que “non estamos dispostas a asumir que os fondos POCTEP sexan investidos en territorios que non son transfronteirizos” trala sinatura dunha declaración na que “estamos a esixir a todas as administracións competentes -Unión Europea, gobernos de España e Portugal e Xunta de Galicia- que se comprometan con estes fondos”.
O presidente da CIM, Manuel Batista, indicou que o territorio do Miño “ten un enorme futuro e capacidade de crear riqueza e contribuír para o PIB de cada un dos países e construír un territorio capaz de renovarse e fixar nova xente e nova economía”. Lembrou que no Miño naceu o POCTEP e os fondos estruturais que hoxe todas as fronteiras de Europa utilizan como instrumento fundamental de cooperación.
“Ese instrumento é o que nós esiximos que teña unha atención moi especial para cos territorios de fronteira e o río Miño. Nesta esixencia seremos fortes. Facemos esta declaración conxunta e estamos xuntos aquí por esta xustiza absoluta que é que os diñeiros de cooperación veñan e se fixen aquí na fronteira. Non pedimos diñeiro por diñeiro. Estamos a pedir porque temos pensamento estratéxico", apuntou Batista.