A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía celebrará eleccións á dirección o mércores 22 de xullo e farao co profesor Iago Pozo Antonio como único candidato. A súa candidatura foi proclamada provisionalmente este venres e, de non presentarse reclamacións, será definitiva o xoves 16.
Profesor titular na área de Explotación de Minas no Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Iago Pozo substituirá no cargo á profesora Elena Alonso Prieto, que deixa o cargo tras oito anos como directora do centro.
“Considero que, tanto a nivel profesional como persoal, este é un momento idóneo para asumir este reto. Tras case catro anos á fronte da Área de Promoción da Internacionalización da Universidade de Vigo, penso que conto coa experiencia e as ideas necesarias para contribuír ao desenvolvemento da escola, especialmente na captación de talento, na súa proxección nacional e internacional e na implantación de novas titulacións”, salienta Pozo, ao tempo que fai fincapé en que a escola conta cun equipo de PDI, PTXAS e estudantado “comprometido e con ganas de traballar nunha mesma dirección”, unha confianza que considera determinante para presentar a súa candidatura.
Perfil de sólida experiencia na xestión universitaria
Pozo desenvolve a súa actividade docente no Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, no Mestrado de Enxeñaría de Minas, e no doutoramento en Protección de Patrimonio Cultural. Como investigador forma parte do grupo de investigación Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais (XESSMin), pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxia e Procesos Industriais, Cintecx.
No ámbito da xestión leva desempeñando responsabilidades desde o ano 2018, cando asumiu o cargo de subdirector de Relacións Externas e Mobilidade no equipo liderado por Alonso, período no que tamén exerceu como coordinador de Divulgación Científica e Captación. Posteriormente, entre 2023 e 2026, desempeñou o cargo de director da Área de Promoción da Internacionalización na Vicerreitoría de Internacionalización, unha responsabilidade que lle permitiu adquirir unha visión global da internacionalización universitaria e coñecer en profundidade a xestión dos diferentes programas de mobilidade, a promoción da docencia en linguas estranxeiras, o desenvolvemento de dobres titulacións internacionais, a captación de estudantado internacional e as relacións institucionais con universidades e entidades doutros países.
Esta traxectoria proporcionoulle unha ampla experiencia na xestión universitaria, especialmente nos ámbitos da internacionalización, da mobilidade e das relacións institucionais. “Reforzaron a miña convicción de que a colaboración, a proximidade coa comunidade universitaria e a internacionalización son elementos fundamentais para o desenvolvemento dunha escola moderna e competitiva”, explica.
Unha escola “aberta, innovadora, internacional e comprometida”
Presentarse á dirección do centro supón para Pozo un paso máis no seu compromiso coa escola na que se formou como enxeñeiro de Minas. “A miña principal motivación é apoiar e facilitar o labor do profesorado e acompañar o estudantado para que poida desenvolver todo o seu potencial e acadar unha formación de excelencia nos ámbitos da xestión sustentable dos recursos minerais e enerxéticos, da enxeñaría dos materiais e da protección do medio ambiente”. Neste senso, está convencido de que, “co traballo conxunto, seremos capaces de consolidar unha escola cada vez máis aberta, innovadora, internacional e comprometida coa formación dos profesionais que a sociedade demanda”.
Candidatura de continuidade
O candidato aposta por un equipo continuísta integrado por persoas que xa formaron parte da dirección da escola durante o mandato de Elena Alonso e que, segundo subliña, coñecen en profundidade o funcionamento do centro e os retos dos vindeiros anos.
Forman parte deste equipo Guillermo García Lomba, profesor do Departamento de Matemática Aplicada II, como secretario e coordinador de Calidade; Iria Feijóo Vázquez, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción, como subdirectora de Planificación e Organización Académica; Francisco Javier Deive Herva, profesor do Departamento de Enxeñaría Química, como subdirector de Asuntos Económicos, Infraestruturas e Relacións Internacionais; e Raquel Pérez Orozco, profesora do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, como subdirectora de Divulgación Científica e Captación. "Todos eles achegan unha sólida experiencia nestas responsabilidades e son plenamente conscientes das necesidades, fortalezas e prioridades da escola, o que constitúe unha garantía para afrontar con éxito os retos dos vindeiros anos".
Elena Alonso, balance marcado polo traballo en equipo
Na recta final do seu mandato, Elena Alonso fai un balance positivo dos seus oito anos á fronte da escola e destaca, por riba de todo, a implicación do profesorado, do PTXAS e do estudantado. A directora agradece tamén o traballo desenvolvido polas persoas que integraron o seu equipo -David Patiño, Iago Pozo, María Araújo, Guillermo García, Francisco Deive, Iria Feijóo e Raquel Pérez-Orozco- e pola Administración do centro, cunha mención especial a Carmen Romoa pola súa “profesionalidade e xenerosidade”.
Entre os principais fitos deste período, Alonso destaca o cambio de tendencia na captación de alumnado de novo ingreso nos graos, un resultado que atribúe ao intenso traballo desenvolvido pola Comisión de Divulgación Científica e Captación de Alumnado da escola, integrada por máis de vinte persoas entre profesorado e estudantado. A maiores, valora tamén a recente obtención do Selo de Grao de Excelencia para o Grao en Enxeñaría da Enerxía, unha distinción que leva asociada unha dotación económica e que, ao seu xuízo, contribuirá á mellora do conxunto das titulacións do centro.
