Illa dos Ratos, a illa das Rías Baixas "libre" de plástico

Publicidad

A sociedade comprende os avisos do noso planeta. Hai que coidalo. A sensibilidade, sobre todo das xeracións máis mozas, é máxima. Neste senso, varios membros da asociación de animación sociocultural e turística A Illa dos Ratos achegáronse esta semana, na que se conmemora o Día do Medio Ambiente e dos Océanos, polas inmediacións da illa que leva o nome do colectivo para declarala zona libre de plástico.

A Illa dos Ratos pode ser o mellor exemplo do que sería a natureza sen nós, os humanos. Ao ser un territorio deshabitado, nela non se produce nin se consumen plásticos. Os únicos que se atopan na illa proceden doutras partes do mundo, que arriban a través do mar. Con este acto simbólico de declaración zona libre de plástico, a asociación quere sumarse á celebración do Día Internacional dos Océanos que dende o 2008 as Nacións Unidas conmemoran o día 8 de xuño.

Segundo datos de Nacións Unidas chegan anualmente 13 millóns de toneladas de plásticos ao mar, o que leva á morte de 100.000 especies mariñas ao ano. Os plásticos son sustancias artificiais, creadas polos humanos, que tardan moito tempo en degradarse. Por exemplo, unha bolsa plástica tarda en degradarse entre dez e vinte anos, unha botella plástica até 450 anos, unha cabicha dez anos e un sedal de pesca até 600 anos.

Moitos destes obxectos non chegan a degradarse de todo senón que se rompen en pequenos fragmentos que son coñecidos como microplásticos. Estes pasan á cadea trófica mariña cando son inxeridos polos animais. Moitas veces provocan colapsos no aparato dixestivo dos peixes e cetáceos, que chegan a causarlles a morte.

Para fomentar a retirada de lixo das contornas mariñas como as praias, a asociación Illa dos Ratos sortea na rede social Instagram dúas viaxes en veleiro e dous almorzos buffet, cortesía de Hostal y Apartamentos Rodeiramar 2ª, que xa colaborou coa asociación na multitudinaria limpeza da praia de Rodeira en maio. Para participar no sorteo debes publicar una foto limpando unha praia en Instagram, etiquetar e seguir o perfil da Asociación Illa dos Ratos e engadir a ubicación da praia.

Salir de la versión móvil