Impulso á innovación en Galicia con axudas de 4,3 millóns a pemes e microempresas

O Consello da Xunta deu luz verde ás novas convocatorias dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, coas que o Executivo autonómico pretende apoiar arredor de 90 pemes e microempresas no obxectivo de introducir as vantaxes da innovación en procesos, organización, produtos e servizos. Dedicáranse 4,3 millóns de euros que suporán a mobilización de 8,6.

Coa posta en marcha destas dúas accións, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación amosa o seu compromiso para mellorar "a competitividade do tecido empresarial galego” a través da innovación, destacando as empresas de menor tamaño, que son as que máis dificultades teñen para emprender este camiño.

A quinta edición de InnovaPeme púxose en marcha o pasado luns 18 de abril. Consiste nunha liña de axudas destinadas a incrementar as capacidades e actividades en plans de innovación das pemes e microempresas galegas con pouca ou nula experiencia neste ámbito. O orzamento de 2,8 millóns de euros permitirá ás empresas beneficiarias poñer en marcha proxectos innovadores en procesos e organización, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.

A convocatoria de InnovaPeme é de concorrencia competitiva. A previsión é outorgar axudas de entre 40.000 e 100.000 euros a preto de 40 empresas e, deste modo, contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pemes galegas co resto de axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación.

Este xoves 21 de abril publicouse a segunda edición de DeseñaPeme, unha acción que consolídase co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico. Neste apartado, a finalidade do Goberno galego é apoiar 50 proxectos no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. As axudas, tamén de concorrencia competitiva, teñen un orzamento de 1,5 millóns de euros, valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 10.000 euros.

Estas dúas liñas da Vicepresidencia económica, a través da Axencia Galega da Innovación, forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes, como os préstamos IFI Innova -cuxo prazo está actualmente aberto cun orzamento de 2,5 millóns de euros-; o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza, a comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadoras ou os bonos de innovación que tamén se activarán este ano.

Coa posta en marcha de InnovaPeme en 2017, xa se apoiaron 160 pemes cun orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización de 26,6, co mantemento de 767 postos de traballo en ámbitos como as TIC, a enxeñaría ou o sector agroalimentario. Pola súa banda, DeseñaPeme investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns de euros e fixeron posible crear e manter 86 empregos.

Salir de la versión móvil