O Bloque Nacionalista Galego iniciou este mércores en Vigo a campaña de recollida de sinaturas contra a suba da tarifa eléctrica. A fronte nacionalista instalará puntos informativos nos que poder asinar nos diferentes barrios e parroquias. Nun acto simbólico ás portas das dependencias de Naturgy-Gas Natural, na rúa Uruguai da cidade de Vigo, o BNG instalou a primeira das mesas de recollida de sinaturas contra o que cualifican de “atraco eléctrico”.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, explicou os motivos desta campaña denunciando que “as novas tarifas prexudican gravemente as familias traballadoras e as empresas do noso País e só beneficia ao lobby das grandes eléctricas. As mesmas empresas que teñen os seus consellos de administración cheos de exministros de PSOE e PP”. O BNG lanzamos esta campaña para esixir a rebaixa do IVE ao 4%. Non pode ser que paguemos máis IVE na factura da luz que comprando caviar”, esixiu González.
Ademais da rebaixa impositiva, a fronte nacionalista aposta por constituír unha empresa enerxética pública que garanta o acceso universal a este subministro esencial e combater a pobreza enerxética, que golpea nos sectores populares máis vulnerábeis. Outra das medidas que reclaman é a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, que permita rebaixar os custos da factura facendo valer o feito de Galiza ser un dos grandes ámbitos de produción de enerxía eléctrica no Estado. “A pesar de sermos un grande produtor de enerxía, exportando preto do 30% da electricidade que se xera no noso País, o pobo galego non recibe ningún beneficio. Urxe unha tarifa eléctrica galega que poña este ben ao servizo dos intereses do País e da maioría social”, enfatizou a deputada nacionalista.
Mesas nos barrios e parroquias
Pola súa parte, o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, explicou que a organización vai mobilizar todos os seus grupos de barrio e parroquia para instalar puntos informativos e mesas de recollida de sinaturas no conxunto da cidade. A primeira será este venres no Calvario. Otero chamou a converter “a indignación e o cabreo fronte esta situación inxusta, nunha resposta contundente a nivel social”.