As investigadoras Nuria Pedrol, Carolina González Puig e María Pardo-Muras, do grupo Agrobioloxía Ambiental: Calidade, solos e plantas, acaban de obter a patente dun herbicida 100% natural de orixe biolóxica que ofrece unha alternativa aos produtos sintéticos que hai no mercado. A súa invención baséase no coñecemento do fenómeno natural da alelopatía, centrándose no efecto que exerce unha planta sobre outra a través da liberación de substancias bioactivas na súa contorna (aleloquímicos), e que ten utilidade para o control das malas herbas. A patente, que xa foi concedida á Universidade de Vigo pola OEPM (Oficina Española de Patentes e Marcas), supón unha solución sostible, duradeira, selectiva e efectiva que podería chegar a empregarse en produción ecolóxica e representar un avance inédito tanto en agricultura como no aproveitamento de recursos naturais e subprodutos nunha estratexia de economía circular.
O herbicida está composto unicamente por biomasa de eucalipto, xesta e mentraste, tanto en forma triturada como en forma de pélets e ten utilidade tanto no sector agrícola (campos de cultivo, viveiros, invernadoiros, etc.) como noutros espazos nos que sexa necesario o control da flora arvense, como parques e xardíns, vías públicas, espazos verdes urbanos, etc. Como explica a profesora Nuria Pedrol, o herbicida está “composto unicamente por material vexetal a distintas proporcións e non require máis procesado que a densificación en formato pélet, para aforrar volume e facilitar a súa aplicación. Non precisa adxuvantes nin estabilizantes e os propios tecidos das plantas proporcionan o encapsulado natural dos compostos bioactivos que permiten a súa liberación paulatina a medida que o pélet perde densidade e o material vaise descompoñendo no solo”. Polo tanto, e dado que este produto ten efecto sobre a xerminación e o crecemento das especies arvenses pero sen afectar á maioría dos cultivos ensaiados, preséntase como unha alternativa natural e sostible aos herbicidas sintéticos, algúns deles xa retirados do mercado e outros con data límite de uso, debido ao recoñecemento do dano que producen ao medio ambiente e á saúde. Ademais, ante a “alarmante proliferación de malas herbas resistentes” aos herbicidas convencionais, este novo produto ofrece unha base de funcionamento completamente distinta e innovadora, que como adianta a investigadora, xa recibiu “varias expresións de interese”.
Froito de 14 anos de traballo
Esta nova patente, relata Pedrol, é o froito de máis de 14 anos de traballo das tres científicas. As primeiras investigacións sobre o uso de filodios de eucalipto (Eucalyptus globulus) como biomasa alelopática incorporada ao solo agrícola para o control de malezas son do ano 2010, como parte do Traballo de Fin de Mestrado de Carolina González Puig, que continuou tamén nesta mesma liña de investigación na súa tese de doutoramento, en colaboración co Requimte lab da Universidade de Porto. “Demostrouse que este subproduto tan abundante podería ter un novo uso como bioherbicida, con resultados moi prometedores e cunha duración dos seus efectos sobre a xerminación e o crecemento temperán das malas herbas moi prolongada”. Máis adiante, María Pardo Muras centrou a súa tese no uso potencial da xesta (Cytisus scoparius) e do toxo (Ulex europaeus) para o mesmo fin, “ambas especies estrela da nosa matogueira atlántica”, pero invasoras noutras latitudes. O traballo foi realizado en colaboración coa Facultade de Farmácia da Universidade de Coimbra, e con Xosé Carlos Souto Otero, da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra, “e os resultados acadados foron asombrosos, probándose que a súa efectividade se baseaba en sinerxías entre multitude de compostos presentes a baixísimas concentracións naturais nos tecidos das plantas”. Precisamente o toxo e a xesta exemplificaron o modo de realización da primeira patente de invención deste equipo en 2020. Finalmente, o mentraste (Mentha suaveolens), menos abundante pero moi común, resultou ter propiedades bioherbicidas complementarias ás das outras especies, controlando tamén outras especies de malezas. Na actualidade esta especie está sendo obxecto dunha tese de Doutoramento en codirección co Departamento de Enxeñería Química. Hai xa uns anos sumouse ao equipo Eugenio López Periago, do Campus da Auga en Ourense, “o que nos permitiu avanzar na comprensión da difusión dos compostos e o destino do bioherbicida no solo”
Efectividade de ata o 95% na redución da xerminación das malas herbas
Ata agora descoñecíase o efecto no solo que ten a combinación da biomasa destas tres especies, pero as investigadoras comprobaron que o efecto da mestura é superior á suma dos efectos das tres por separado. De feito, as composicións descritas para este herbicida son capaces de reducir a xerminación de especies arvenses entre un 20% e un 95% e de reducir a biomasa destas especies entre un 40% e un 80%. Con todo, as investigadoras destacan que “é pertinente subliñar que o seu bioherbicida “non pode ser entendido como unha ferramenta única de control, senón que debe incorporarse na estratexia de control integrado de malas herbas, usando tantos métodos culturais, físicos e biolóxicos como sexa posible. Só a suma de métodos pode lograr un control sustentable e efectivo das malas herbas, e lograr un equilibrio entre producións rendibles e o mantemento da diversidade das especies arvenses e os servicios ecosistémicos que proporcionan, en consonancia cos obxectivos de transición ecolóxica do Pacto Verde europeo”.
O seguinte paso, a comercialización
Unha vez aprobada a patente, as investigadoras teñen agora a vista posta no futuro comercial do herbicida. O seu desexo é “poñer a invención ao servizo da sociedade, que chegue a cantos máis produtores mellor” e para iso o seguinte paso é rexistrar o produto como fitosanitario autorizado. Polo de agora, explican, “a nosa produción é simbólica, a nivel de planta piloto para fins experimentais e demostracións en contornas operativas”, pero coa axuda da Oficina de I+D da UVigo e en particular de Jose Jato, están traballando para “seguir promocionando o seu uso e lograr unha produción que satisfaga a demanda potencial do mercado”.
Actualmente están traballando no proxecto de Proba de Concepto ScallingBIOLLETS, financiado pola Axencia Española de Investigación e con fondos NextGeneration, no marco do cal puideron poñer a punto a produción en planta piloto do bioherbicida en colaboración coa Escola de Enxeñería Industrial. Neste proceso de probas de concepto colaboran cos viveiros de planta ornamental Rio Tollo, en Tomiño.
O problema dos herbicidas de síntese
Na actualidade, pola súa rendibilidade, o método máis empregado para o control das malas herbas son os herbicidas de síntese, que afectan de forma selectiva á flora arvense do cultivo. No ano 2017 na Unión Europea rexistrouse un consumo de pesticidas de 360.000 toneladas, con España á cabeza da lista co 19,5%, por diante de Francia (18,7%), 40 Italia (13,8%) e Alemaña (12,3%). Pero o uso deste tipo de métodos de control químico ten inconvenientes como a súa potencial toxicidade, incluso en concentracións moi baixas. De feito, o seu uso masivo incrementou a contaminación do solo e da auga co conseguinte deterioro dos ecosistemas naturais, agroecosistemas e ecosistemas urbanos, co risco potencial para a saúde animal e humana. Fronte a este modelo, o produto patentado polas tres investigadoras da UVigo dá resposta a este problema proporcionando novas composicións herbicidas cun funcionamento baseado no coñecemento de procesos biolóxicos, un uso eficiente dos recursos agroforestais e o reciclado de nutrientes do agroecosistema.