Investigadoras da UVigo traballan no desenvolvemento dunha nova terapia fronte a tumores metastásicos

Publicidad

10 millóns de persoas, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), faleceron no ano 2020 por mor do cancro, unha das principais causas de morte no mundo, e que segue a ser un gran reto para a investigación, que se centra na loita contra unha enfermidade que non é tal, senón un conxunto moi complexo de máis dun cento delas. Cun financiamento de máis de 2,7 millóns de euros, procedentes do Consello Europeo de Innovación, o proxecto Perseus (2D Material-Based Multiple Oncotherapy Against Metastatic Disease Using a Radically New Computed Tomography Approach), concentra o traballo dunha trintena de investigadoras e investigadores de media ducia de institucións, co obxectivo de desenvolver unha nova terapia fronte a tumores metastásicos, baseada en nanomateriais activados por raios X.

A docente e investigadora Carmen Rodríguez Argüelles é xunto, á tamén investigadora posdoutoral Margarita Salas, Noelia González Ballesteros, a representante da Universidade de Vigo no proxecto Perseus, que non conta coa presenza de máis institucións españolas. “Participamos en dúas tarefas do proxecto que se poden resumir como deseño e síntese de novos nanomateriais mediante química verde, a súa caracterización e a súa aplicación como nanosistemas antitumorais”, detalla a docente de investigadora do Departamento de Química Inorgánica da UVigo. Rodríguez Argüelles colabora desde hai 30 anos con grupos de investigación de Italia, país que lidera o proxecto Perseus a través do Consiglio Nazionale delle Ricerche, e no que tamén participa, ademais da Universidade de Vigo, un consorcio multidisciplinar formado polo Karolinska Institutet (Suecia), Technion Israel Institute of Technology (Israel), Wigner Fizikai Kutatóközpont (Hungría) e as empresas Bedimensional SPA (Italia) e QED Film & Stage Productions LTD (Reino Unido).

Un proxecto innovador e interdisciplinar

Dado que na actualidade, o uso práctico da nanotecnoloxía na atención clínica do cancro está nunha fase moi incipiente, Perseus persegue, segundo as e os investigadores que participan no proxecto, darlle pulo a través dunha nova terapia baseada en nanosistemas especialmente deseñados, feitos de nanocristais en capas 2D multifuncionais, que cando son activados con raios X proporcionan unha terapia multimodal eficaz, con mínimos ou nulos efectos adversos. A terapia, que non se ve afectada pola bioquímica do corpo, emprega raios X de escáneres de tomografía computerizada, non para matar as células cancerosas directamente, senón para activar e xerar imaxes dos nanosistemas, que a súa vez dan lugar localmente a mecanismos oncolíticos non mutaxénicos.

Carmen Rodríguez destaca que o das terapias para o cancro baseadas en nanotecnoloxía é un campo en continuo crecemento, xurdido para mellorar as técnicas existentes. “Neste proxecto centrarémonos en cancros que son clinicamente inmanexables coas terapias dispoñibles actualmente; en cancros resistentes aos fármacos intrínsecos e evasivos que carecen de respostas ás terapias e en metástases”, detalla a investigadora da UVigo, que considera que co remate exitoso do proxecto, “a nosa tecnoloxía encherá o baleiro entre os estudos preclínicos e a práctica clínica coa nanomedicina”. Así mesmo, Perseus pretende probar posibles tratamentos aditivos ou efectos sinérxicos con outras terapias, incluídas a inmunoterapia e as terapias moleculares dirixidas, a base a medicina personalizada.

Profesionais dos campos da física, a química, enxeñaría química, bioloxía, medicina, farmacoloxía e radioloxía conforman o equipo multidisciplinar que traballa no proxecto Perseus, que con catro anos de duración, inclúe aplicacións nos campos da oncoterapia, a teranóstica e o uso e desenvolvemento de sistemas terapéuticos baseados en irradiación de raios X de baixa enerxía.

Salir de la versión móvil