Investigadores da Universidade de Vigo, xunto con colegas da Universidade Bonn e da Universidade do País Vasco, lograron identificar o rexistro fósil de posta de ovos de insectos en plantas máis antigo da Península Ibérica, con máis de 300 millóns de anos.
Cinco anos de saídas de campo, nas que se recolleron máis de 200 espécimes de plantas fósiles do Carbonífero, cuns 303 millóns de ano de antigüidade, conduciron ao grupo de investigadores de España e Alemaña á identificación do rexistro máis antigo de posta de ovos de insectos en plantas da península ibérica, así como das primeiras evidencias de interaccións nos xéneros de plantas Pecopteris, Oligocarpia, Polymorphopteris e Cordaites. O estudo das mostras recollidas en xacementos postasturianos do Cantábrico nas concas mineiras de La Magdalena, El Bierzo e Carrasconte, da provincia de León, permitiu a Artai Santos e Bienvenido Diez do departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio e do CIM da UVigo; Torsten Wappler da Universidade Bonn/Hessisches Landesmuseum Darmstadt e Antonio Hernández-Orúe do Departamento de Xeología da Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea, identificar nove tipos diferentes de interaccións planta-insecto, incluídos varios tipos de herbivoría (consumo de plantas) externa, formación de diferentes tipos de agallas (excrecencias) e evidencias de oviposición (proceso de implantación ou difusión de ovos).
“Dado que non se coñecen interaccións planta-insecto anteriores ao Carbonífero na península ibérica, trátanse dalgunhas das evidencias máis antigas das relacións entre estes dous importantes grupos biolóxicos. Ademais, son as primeiras evidencias de interaccións en Pecopteris, Oligocarpia, Polymorphopteris e Cordaites e a evidencia de oviposición (posta de ovos) máis antiga da península”, destaca Artai Santos en relación con esta investigación, recollida no artigo Plant–insect interactions from the Late Pennsylvanian of the Iberian Peninsula (León, northern Spain), publicado en Review of Paleobotany and Palinology.
Os investigadores documentaron nove tipos de danos diferentes entre 216 espécimes de plantas fósiles e presentaron os primeiros datos de agallas, alimentación en marxes e en buratos e oviposición en Cordaites, Pecopteris, Polymorphopteris e Oligocarpia del Carbonífero de España. Entre los posibles “sospeitosos” de causar dano a estas plantas atópanse, segundo os autores do artigo, diferentes ordes/superordes atopados nos xacementos estudados como Archaeorthoptera, Paoliida, Palaeodictyoptera, Megasecoptera e Dictyoptera. “Os posibles culpables da alimentación externa deberían necesitar un sistema mandibular robusto para perforar o aparente tecido coriáceo e os nervios de Polymorphopteris polymorpha, P. pseudobucklandii e P. integra, uns patróns de alimentación que son consistentes con insectos (pan)ortopteroideos, probablemente de pequeno tamaño”, detallan os investigadores no seu traballo, no que tamén sinalan que a aparente diversidade de agallas podería suxerir algunhas condicións áridas, cando menos estacional ou localmente. Non obstante, apuntan á necesidade dun futuro estudo estatístico con máis exemplares para aclarar as implicacións paleoclimáticas.
“As plantas atopadas e a variedade de evidencias de interaccións planta-insecto suxiren que os bosques do Carbonífero na península ibérica proporcionaban un nicho ecolóxico moi adecuado para os insectos, onde as plantas proverían hai xa 303 millóns de anos unha fonte de alimentación e nalgúns casos de hospedaxe para moitos dos artrópodos do momento, algúns dos cales serían moi diferentes aos insectos que coñecemos hoxe”, explica Artai Santos. O investigador da UVigo, engade que, en calquera caso, a variedade de grupos funcionais de alimentación atopados é indicativa da presencia dunha comunidade de insectos ben establecida e ecoloxicamente integrada nos bosques carboníferos da area de León. “Por outro banda, a presencia de agallas podería estar vencellado a certas condicións climáticas relativamente áridas, polo menos rexionalmente”, apunta Santos.