Seleccionado na convocatoria europea CHIST-ERA, o grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech), do Cintecx, e investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal traballaron ao longo dos últimos tres anos no proxecto 4Map4Health, liderado polo Instituto de Investigación Xeoespacial de Finlandia. Financiado con preto dun millón de euros nesta convocatoria comunitaria, o punto de partida deste proxecto foi o deseño por parte do instituto finés do primeiro escáner láser multiespectral móbil. O seu obxectivo central era pór a proba a efectividade desta tecnoloxía á hora de obter información sobre a saúde das árbores, a estrutura dos bosques e o risco de incendios forestais. Isto levou á súa vez ao desenvolvemento de algoritmos para o tratamento dos datos obtidos no monte con esta tecnoloxía, o que permitiu aos investigadores e investigadoras da UVigo a deseñar, explican, “unha plataforma baseada nos sistemas de información xeográfica”, que procesa os datos obtidos, podendo servir como “un sistema de axuda á toma de decisións na contorna forestal estudada”, respecto de cuestións como o risco de incendio forestal nunha determinada zona.
Denominada GIS-WEB, esta plataforma integra “capas de información xeorreferenciada, onde se recollen as variables máis importantes da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerés-Xurés”, onde levaron a cabo os traballos de recollida de datos. Co catedrático Pedro Arias como investigador principal do proxecto na UVigo, 4Map4Health (Mapping of forest health, species and forest fire risks using Novel Data and Approaches) contou coa participación de investigadores e investigadoras das escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Forestal. Xunto á institución viguesa e o instituto finés, tomaron parte neste proxecto a Universidade Técnica de Viena, a University of Life Sciences de Praga, a Universidade do Porto e a University of Natural Resources an Life Sciences de Viena. Concluído nas últimas semanas, 4Map4Health foi seleccionado por un programa dirixido a promover investigacións sobre tecnoloxías da información e da comunicación emerxentes. “Resultar beneficiarios nesta convocatoria supón un respaldo ás liñas de investigación, incrementando a visibilidade dos nosos traballos, así como da propia UVigo”, sinalan desde o grupo GeoTech, que coordinan Arias e o catedrático da EE Forestal Henrique Lorenzo.
Avaliar a saúde das árbores o risco de incendios
Como sinalan, o “reto investigador deste proxecto” era procesar os datos de escaneado dos montes obtidos co “escáner láser multespectral de alta resolución” no instituto finés, co propósito de realizar, en combinación con “outras fontes de datos”, realizar un “mapeado” que abranguese “tres vertentes importantes” dos montes, a saúde das árbores, a súa estrutura e o risco de incendios. A principal novidade que achega esta tecnoloxía fronte os escáneres láser multiespectrais aéreos, cun peso de máis de 100 quilos, é que se trata dun dispositivo móbil e lixeiro, que permite “modelar a contorna forestal cun detalle substancialmente maior”, explican.
Nese senso, o proxecto buscaba analizar a capacidade desta tecnoloxía para “predicir características que poñen en perigo a sostibilidade do monte”, sendo un dos factores centrais a medición dos niveis de humidades das masas forestais. Como explican, a “resposta espectral” que proporciona a tecnoloxía LiDAR varía en función deses niveis, o que facía preciso “caracterizar esta resposta” co obxectivo de obter información “sobre o estado da vexetación que é susceptible de arder”.
A recollida de datos foi levada acabo en diferentes puntos de Finlandia, Chequia, Austria, España e Portugal. As investigadoras e investigadoras da UVigo levaron a cabo este labor no Xurés e posteriormente traballaron no desenvolvemento de algoritmos “para o tratamento dos datos capturados por estes sensores, de forma que se automatice a extracción da información relevante da contorna forestal e dos elementos que a compoñen”. Estes algoritmos permitiron á súa vez deseñar a plataforma GIS-WEB, que ademais da información referente ao proxecto, inclúe tamén “mapas con información dos incendios acaecidos” no Xurés, así como datos das parcelas nas que se realizou a mostraxe.
Deseño dun software de simulación
O traballo da UVigo en 4Map4Health deu lugar tamén á realización das teses de doutoramento de Fernando Rodríguez e Lino Comeñasa, que se defenderán nas próximas semanas. Tamén se levou a cabo un “estudo espacial” da influencia que teñen diferentes variables, “climáticas, sociais e ambientais”, no risco e impacto dos incendios no Xurés, e traballouse tamén no desenvolvemento de Roadsense, “un software de simulación LiDAR multiespectral para contornas forestais e redes de transporte próximas á vexetación”, que estará dispoñible practicamente.