Investigadores da UVigo, entre os máis citados do mundo segundo un ránking de Stanford

Publicidad

Un total de 33 científicos e científicas da Universidade de Vigo están entre os máis citados do mundo segundo se reflicte no ránking que elabora a Universidade de Stanford. Esta publicación, coordinada por John P. A. Ioannidis, analiza máis de 204.000 investigadores pertencentes a 22 campos científicos e 174 subcampos atendendo á clasificación estándar de Science-Metrix.

A base de datos da Universidade de Stanford analiza as publicacións de científicos “de primeiro nivel”, é dicir, persoal investigador que se atopa entre o 2% superior de citas, proporcionando de cada unha e un deles información estandarizada sobre citas, índice h, índice hm axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. Ademais, o ránking ofrece tanto unha perspectiva global do impacto das citas ao longo da carreira de cada investigador e investigadora como unha clasificación atendendo aos datos do último ano, o 2022.

David Posada, o máis citado

Atendendo á clasificación que analiza toda a carreira científica, o primeiro investigador da Universidade de Vigo neste ránking é, un ano máis, David Posada, catedrático de Xenética pertencente ao Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, que se atopa no posto 688 da clasificación global, con 176 papers publicados dende 1998 e un total de 70.649 citas, excluíndo as autocitas. O segundo nesta clasificación é o profesor Jianbo Xiao, do Departamento de Química Analítica e Alimentaria, que se sitúa no posto 19.780, con 474 papers publicados dende 2004 e 13.577 citas. O terceiro é Ramón Hermida, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigador do centro atlanTTic, no posto 44.990, con 358 papers publicados dende 1982 e 7368 citas. Completan a lista dos dez primeiros investigadores da UVigo neste ránking Armando Caballero, Juan Carlos Parajó, Jesús Simal-Gándara, Jorge Domínguez, Carlos Lago-Peñas, Emilio Marañón e Herminia Domínguez.

Por ámbitos do coñecemento

Atendendo aos eidos do coñecemento, a base de datos de Stanford tamén ofrece a posibilidade de determinar en que campos destacan os investigadores e investigadoras da UVigo, poñendo o foco nos primeiros clasificados en cadansúa área de coñecemento. David Posada volve ser o mellor posicionado, ocupando o posto 11 no eido da Bioloxía Evolutiva a nivel mundial atendendo a toda a súa traxectoria profesional e excluíndo as autocitas. Do mesmo xeito, destaca no seu campo Jianbo Xiao, que ocupa o posto 65 do mundo no eido das Ciencias Alimentarias. Tamén se atopan entre os 300 primeiros do mundo nos seus respectivos campos Juan Caros Parajó, no posto 137 en Biotecnoloxía; Carlos Lago-Peñas, no 183 en Ciencias do Deporte; Jesús Simal-Gándara, no 234 en Ciencias Alimentarias; Jorge Domínguez, no 267 en Agronomía e Agricultura; e Adolfo Cordero-Rivera, 275 do mundo en Entomoloxía.

44 investigadores no ránking do último ano

A base de datos da Universidade de Stanford tamén permite realizar a clasificación atendendo só aos datos do último ano completo, o 2022. Con esta perspectiva, a lista de representantes da UVigo amplíase ata os 44, estando de igual xeito encabezada por David Posada e Jianbo Xiao, nos postos 1004 e 1596, respectivamente, seguidos por Carlos Lago-Peñas, Herminia Domínguez, Jesús Simal-Gándara, Ricardo Beiras, Emilio Marañón, Jorge Domínguez, Isabel Pastoriza-Santos e Beatriz Gullón. Esta clasificación realízase sen ter en conta as autocitas.

Salir de la versión móvil