Luis López asegura que o plan +Provincia achegará "máis investimento e autonomía local" ao concellos

Publicidad

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asegurou este sábado que o plan +Provincia, que substitúe ao Plan Concellos impulsado polo anterior goberno de PSdeG-PSOE e BNG, achegará "máis investimento, máis autonomía local e máis apoio aos retos de futuro dos concellos". En conxunto alcanzará os 48,2 millóns de euros que "converterán o primeiro plan de Obras e Servizos do actual goberno no máis alto da historia da institución provincial".

Logo de presentar aos alcaldes as liñas mestras do plan en outubro e de recibir ás demandas formuladas polos rexedores nas últimas semanas, López avanzou que o +Provincia incorporará catro liñas de subvencións para os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes: todos, agás as cidades de Vigo e Pontevedra. Nomeadamente, reservaranse un total de 33,74 millóns na liña 1 para financiar investimentos (o 70% do total), 4 millóns na liña 2 para atender a gasto corrente (8,3%); 9,25 millóns na liña 3 para a activación do emprego (9,2%) e, como novidade, incorporarse unha cuarta liña dotada con 1,2 millóns de euros para financiar a redacción de proxectos para a transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas (3%).

En canto ao reparto, o plan distribuirá o crédito en base a unha porcentaxe fixa, que será do 45%, e unha variable, do 55%, segundo criterios de poboación, superficie, núcleos e, por primeira vez, de incidencia do reto demográfico. Deste modo, o 43,57% dos fondos (21 millóns) distribuirase entre os 36 concellos de menos de ata 10.000 habitantes, mentres que o 33,71% do orzamento (16,25 millóns) irá destinado aos 15 concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes. Finalmente, os oito concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes beneficiaranse de 10,95 millóns, o 22,75% do total. Deste xeito, preto do 80% do orzamento do +Provincia recaerá sobre os concellos de menos de 20.000 habitantes para atender as súas necesidades.

Maior autonomía local

Entre as novidades, e como resposta á demanda de algúns alcaldes ante a pronunciada suba de custos, o +Provincia ofrecerá aos concellos maior autonomía local para decidir as súas necesidades de gasto. Así, ademais de contar cos fondos da liña de gasto corrente, os concellos poderán recorrer a ata un 30% -e con carácter excepcional e só en 2024 a ata un 50%— do crédito de investimento para amortizar débedas de exercicios pasados, financiar servizos municipais ou obras non consideradas de investimento, sempre e cando estean debidamente xustificados.

Desafíos dos municipios

Do mesmo xeito, para axudar aos concellos a afrontar aos seus grandes desafíos de futuro, a Deputación incorporará nas bases do +Provincia iniciativas como a liña 4, destinada a que os municipios poidan redactar proxectos encamiñados a transformación da mobilidade en zonas rurais e urbanas.

O goberno de Luís López, ademais, decidiu incorporar dentro dos baremos de reparto un criterio de reto demográfico co que reforzar o apoio a aquelas zonas que máis están a padecer esta realidade, que se sumará aos de poboación, superficie e núcleos de poboación. Dito criterio ponderará aos concellos que máis perderon poboación nos últimos dez anos e aos que maior índice de envellecemento presentan, segundo a relación entre a poboación maior de 64 anos e a menor de 20. Esta consideración cara o reto demográfico súmase a outras medidas postas en marcha pola Deputación, como a creación dun novo servizo de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, dotado con 1,2 millóns de euros no vindeiro Orzamento.

Salir de la versión móvil