Máis de 160 concellos izan a bandeira galega co gallo dos 105 anos da I Asemblea Nacionalista

A 'estreleira' este sábado no Monte do Castro, Vigo // BNG VIGO

Publicidad

Máis de 160 concellos galegos sumáronse este sábado, día 18, ao izado da bandeira galega -ou a súa variante nacionalista, a estreleira- convocado por Vía Galega para conmemorar o 105 aniversario da I Asemblea Nacionalista. Vía Galega elixiu esta semana, do 13 ao 18 de novembro, para conmemorar esta efeméride, que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918.

Ademais dos izados de bandeira, 51 localidades realizaron tamén este sábado un acto, no que se recitaron poemas relativos á bandeira, houbo actuacións musicais e leuse o manifesto referido a xénese e significado dos símbolos galegos, á relevancia do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercer e existir como galegos.

Entre estas localidades están Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, Teo, Ribeira, Outes, Pobra, Muros, Mazaricos, Arzúa, Fene, San Sadurniño, Cedeira, A Guarda, Melide, Foz, Moaña, Pobra de Brollón, Samos, Salceda, Tui,  Rianxo, Oroso, Taboada, Brión, Redondela, Melide, Arzúa, Corcubión, Narón, Pontedeume ou Soutomaior. Nun comunicado, Vía Galega di estar "moi satisfeita polo resultado desta xornada reivindicativa  de izado da nosa bandeira".

A entidade continuará co propósito de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. "Pois se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia", sinalan.

Salir de la versión móvil