Máis de 35 empresas de todos os sectores e 350 estudantes e persoas recén tituladas rexistradas, ás que se suman moitos outras que están a pasar polas casetas sen inscribirse previamente. Así arrancou este xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a II edición de EMPREGOinCAMPUS, a gran cita co emprego universitario, herdeira dos foros de emprego que se viñan organizando en distintos centros, tanto do campus de Vigo coma de Ourense, e dos organizados pola propia Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. Trátase de reunir nun único foro todas as empresas e alumnado dos distintos ámbitos e facelo no propio campus, hoxe en Vigo, e o vindeiro mércores 22 no de Ourense, onde se contará coa participación, entre outras autoridades, da conselleira de Promoción do Emprego e da Igualdade María Jesús Lorenzana.
As casetas das empresas (Abanca, Aceites Abril, Adolfo Domínguez, Bimba y Lola, Codisoil, Coren, Decathlon, Deloitte, Garrigues, Jealsa, Ranstad, Viña Costeira, Zendal…) e entidades participantes (CTAG, Ministerio de Defensa, Axencia Tributaria, Xunta de Galicia…) foron un ir e vir de xente ao longo de toda a mañá, tamén de autoridades, entre elas o reitor, Manuel Reigosa, que presidiu a inauguración; o concelleiro de Facenda do Concello de Vigo Jaime Aneiros; a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e a representante do Eures Transfronteirizo Galicia norte de Portugal Teresa Ventín. Xuntos realizaron un percorrido polos diferentes postos guiados pola decana anfitrioa, a profesora Dolores Garza, e no que tamén participaron os demais responsables dos centros implicados na organización da feira: Francisco Torres, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; Mercedes Gallardo, de Bioloxía; Miguel Ángel Nombela, de Ciencias do Mar, e Ángeles Peña, de Química.
Emprego de calidade “que axude a facer de Galicia un país máis próspero”
Todos fixeron fincapé en que se trata dunha feira nacida para pór en contacto ás persoas egresadas e ao estudantado do último curso con empresas e institucións colaboradoras que buscan talento cualificado na UVigo, facilitándolle ao alumnado que poida coñecer de primeira man as oportunidades profesionais e contactar directamente coas persoas responsables dos procesos de selección. “Nós vivimos comprometidos co país galego, un país que está a envellecer, pero que tamén conta con grandes fortalezas, entre elas, o talento que xurde na nosa comunidade autónoma, que agroma nas nosas aulas, e do que estamos tremendamente orgullosos”, subliñou o reitor, facendo fincapé na importancia de que todo ese talento “deixe pouso no noso país”, ao que engadiu que “simplemente vendo o ambiente que hai aquí non me cabe dúbida de que a feira é un éxito”. O máis importante, segundo insistiu o reitor, é “seguir creando emprego de calidade, que axude a facer de Galicia un país máis próspero”, recalcou, intres antes de iniciar o percorrido polas casetas.
Pola súa banda, a vicerreitora Natalia Caparrini animou aos estudantes a “perder o medo” e achegarse ás empresas para coñecer o que necesitan e presentar as súas candidaturas, algo no que tamén insistiu o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, quen amosou a súa satisfacción porque se celebren este tipo de iniciativas na cidade “o que nos sitúa nunha posición de liderado” e, ademais de comprometerse a manter o apoio do concello, suxeriu a posibilidade de este tipo de eventos se celebren cunha maior periodicidade. Polo súa parte, Teresa Ventín, en nome do Servizo Europeo de Emprego, animounos a botar man de todas as ferramentas que teñen ao seu alcance para buscar traballo, “dentro ou fóra das nosas fronteiras”.
Entre os asistentes había alumnas e alumnos de todas as titulacións. Jacobo, Sofía, Paula e Iago, acudiron xuntos. Están no último curso de Administración e Dirección de Empresas e non dubidaron á hora de achegarse ás casetas. “A feira dáche a oportunidade de falar coas empresas e escoitar a que se dedican, ademais de darche un QR para enviarlles o currículo e optar a prácticas e ofertas de emprego”, explicou Jacobo, quen se amosou moi contento de que a feira se leve a cabo na propia facultade, “facilitándoche que poidas achegarte en calquera intre”. Todos queren seguir formándose, “facer un mestrado”, pero, entretanto, “ímonos pondo ao día sobre os perfís que máis buscan as empresas, algo que tamén nos serve de guía á hora de elixir mestrado”.
Casetas, obradoiros, profesionais convidados…
A feira chega tras varios días de celebración de talleres, obradoiros e conferencias sobre busca activa de emprego (test psicotécnicos, dinámicas de grupo e entrevistas de selección…), charlas que se prolongarán durante o mes de abril. Na xornada de hoxe celebráronse, ademais, presentacións ao longo de toda a mañá. Arrancaron ás 10:00 horas cunha charla do grupo Iberconsa, referente na pesca, transformación e distribución de produtos do mar conxelados; continuaron con outra charla na que se foron debullando as oportunidades de emprego que ofrece a Axencia Tributaria, e continuouse con empresas como Deloitte, Codisoil, Garrigues, o grupo Eulen, o Colexio de Economistas e Grant Thornton, unha das firmas líderes a nivel mundial de servizos profesionais de auditoría, consultaría de negocio e innovación e asesoramento fiscal, legal e financeiro.
En Ourense participarán máis de medio cento de empresas
E se a cita foi hoxe en Vigo, a vindeira semana celebrarase no campus de Ourense, para o que se contará coa colaboración da Vicerreitoría do campus, como representante dos centros, e da Deputación de Ourense. Será o mércores 22 no pavillón universitario, de 10:00 a 19:00 horas coa participación de máis de medio cento de empresas e entidades, moitas das cales levan anos participando nos foros de emprego que se viñan organizando, tanto na Facultade de Dereito como na Escola Superior de Enxeñaría Informática.
Ao igual ca no caso de Vigo, ademais das actividades das casetas, a feira inclúe todo un programa de actividades que se estenderán ao longo de todo o día. Arrancarase ás 10:00 horas cunha mesa redonda, moderada pola vicerreitora Elena Rivo, sobre as consecuencias da pandemia e da guerra de Ucrania no sector agroalimentario, na que participarán representantes do grupo Cuevas, aceites Abril e o grupo Coren. A continuación celebrarase unha conferencia sobre campos laborais nos que exercer a profesión de enxeñeiro/a agrícola, unha mesa redonda sobre empregabilidade no ámbito social e socioeducativo e outra sobre fortalezas e oportunidades da escola rural. Xa pola tarde terá lugar a visita institucional na que o reitor estará acompañado pola conselleira Mª José Lorenzana e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que asistirán tamén á entrega dos premios Campus Auga.