Esta mañá inaugurouse no Parador de Baiona o 12º ACM Workshop on Information Hiding and Multimedia Security, IH&MMSec’24, un evento de referencia internacional no ámbito da seguridade multimedia e da ocultación da información, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, co apoio da ACM (Association of Computing Machinery). Desde hoxe e ata o vindeiro mércores no IH&MMSec’24 presentaranse os últimos avances que se están a realizar nestes ámbitos en institucións académicas, industriais e gobernamentais de todo o mundo, tanto desde o punto de vista teórico como de novidosas aplicacións industriais e comerciais.
Na inauguración oficial celebrada esta mañá participaron Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona; Martín López Nores, vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica da UVigo; Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, e o catedrático e investigador da UVigo Fernando Pérez, presidente do comité organizador de IH&MMSec e líder do Grupo de Investigación en Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) de atlanTTic. Pérez-González amosou na súa intervención o seu agradecemento ás máis de 70 persoas asistentes procedentes de Alemaña, China, Francia, Italia ou EEUU, e aos organizadores do evento, mentres que López Nores destacou as cifras de estudantado e internacionalización da UVigo. Pola súa banda, o director de atlanTTic, resaltou o labor do centro e da Universidade de Vigo no ámbito da ciberseguridade, “unha das áreas estratéxicas do centro”, dixo. Mentres, o alcalde de Baiona, agradeceu ás e aos participantes a súa presenza en Baiona e máis concretamente no parador, “un lugar que adoita acoller grandes citas a nivel internacional”, asegurou Vázquez Almuiña.
IH&MMSec’24, que conta co apoio da ACM (Association of Computing Machinery) e a colaboración de Gradiant, o Concello de Baiona e os proxectos Uncover, Trumpet e Truffles, desenvolverá un amplo programa que inclúe presentacións de artigos de investigación, mesas redondas e sesións especiais. Nas máis de 30 ponencias de investigadores e investigadoras internacionais, seleccionadas tras un esixente proceso de revisión por pares, abordaranse diferentes temáticas relacionadas coa seguridade da información e ocultación de información, como esteganografía, esteganálise, marcas de auga dixitais e anonimidade. O programa tamén cubrirá diversos temas de seguridade multimedia, como a autenticación multimedia, a forensía multimedia, a biometría e a privacidade. Ademais, haberá catro sesións especiais sobre detectores confiables, stego-malware, detección de deepfakes de audio e privacidade e seguridade na aprendizaxe federada.
Tres días de relatorios, mesas redondas e sesións especiais
As sesións da primeira xornada céntranse na esteganografía e esteganálise, stego-malware e a análise forense. O congreso ten programadas tres conferencias invitadas (keynote talks) a cargo de Gwenaël Doërr, de Synamedia (Francia), que se centrará na utilización de ferramentas dixitais para combater a piratería de vídeo; Christian Riess, da Universidad Friedrich-Alexander Erlangen-Nürnberg (Alemaña), afondará na tradución de avances teóricos na forensía de imaxes en aplicacións prácticas; e Jonathan W. Hak, da Universidad de Leiden (Holanda), discutirá as aplicacións da forensía multimedia en investigacións criminais.
O mércores pola tarde, como antesala ao peche do evento, celebrase a charla plenaria de Jonathan W. Hak, impulsada polo proxecto europeo Uncover, e a mesa redonda Navegando a Frontera da IA: Desafíos na Forensía Multimedia e a Esteganálise, sobre o uso da Intelixencia Artificial na análise forense de datos multimedia e en esteganografía, na que participarán Matthias Kirchner (Kitware Inc., EE.UU.), Ralf Zimmermann (ZITiS, Alemaña), Jonathan W. Hak (Leiden University, Holanda), e Mauro Barni (University of Siena, Italia) e Patrick Bas (CRIStAL, CNRS), que representarán ao ámbito empresarial, gobernamental, legal e académico, respectivamente, e estará moderada por Luis Pérez Freire de Gradiant.