Máis dun cento de estudantes de Vigo e área participan no campus na Olimpíada de Xeoloxía

112 estudantes de quince institutos de Vigo e comarca -Cangas, Redondela, Porriño, Salvaterra de Miño ou Tui…- participan este mércores no campus na XVI Olimpíada de Xeoloxía 2025, unha proba convocada pola Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra, a Sociedad Española de Geología e o Colegio Oficial de Geólogos, en colaboración con distintos organismos, entre eles a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, sede viguesa das probas.

Chegaron a primeira hora da mañá e recibiunos a directora da escola, Elena Alonso, quen, ademais de darlles a benvida, tanto a eles como aos seus docentes, lles desexou boa sorte a todos. “Hoxe vai ser un día intenso”, recalcoulles a directora, ao tempo que os animou a gozar dunha actividade “que axuda a fomentar o interese polos estudos e contidos relacionados coas Ciencias da Terra”. Xunto a ela contouse tamén coa participación de Alicia López, coordinadora da sede de Vigo da Olimpíada, quen desexou que a olimpíada sexa para todos e todas as participantes “unha gran festa coa que collerlle gusto á xeoloxía”.



Exame teórico, probas prácticas e múltiples actividades guiadas

Ao longo do día os alumnos e alumnas enfrontaranse a un exame teórico e a unha proba práctica, unha xincana xeolóxica e, en paralelo á realización destas probas, a Escola organiza tamén para eles diferentes actividades guiadas por persoal docente e investigador do centro que versan sobre os múltiples ámbitos nos que o coñecemento da xeoloxía é un recurso necesario (Paleo 3D, enxeñaría de materiais, intelixencia artificial para o recoñecemento de minerais…).

Desde o CPI Cova Terreña achegáronse ás probas un grupo de sete alumnas e un alumno, acompañados pola docente Dolores Torres. “Entre outras cousas esta iniciativa dálle ao noso alumnado a posibilidade de que visiten o campus e vexan o ambiente universitario”, subliñou a docente, quen se refire ás olimpíadas como “unha boa aprendizaxe que prepara ao noso alumnado para situacións futuras, sacándoos da súa zona de confort e facéndoos enfrontarse a novos retos”.

Para os docentes do IES San Paio de Tui esta non é unha experiencia nova, levan anos participado nas probas. “É unha actividade moi interesante que une probas individuais e probas por equipos, o que as converte nalgo moi atractivo e agradable, tanto para o alumnado como para nós mesmos”, explican Eduardo Barciela e Cristina Martínez.

O alumnado do IES República Oriental do Uruguai faise cos primeiros postos

A xornada finalizou coa entrega de premios aos tres primeiros clasificados, tres estudantes do instituto vigués IES República Oriental do Uruguai: Óscar Naveira Román, primeiro clasificado; Ainara Fernández Lois, 2ª, e Hugo Regueiro Pérez, terceiro. Os tres pasan agora á final da Fase Española que se levará a cabo o 5 de abril en Tremp (Lleida).

Ao longo do acto de clausura, conducido pola profesora Raquel Orozco, responsable de Divulgación Científica da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía Mellor, tamén se entregou o premio ao mellor grupo, de novo para os estudantes do IES República Oriental do Uruguai -Óscar Naveira Román, Ainara Fernández Lois, Hugo Regueiro Pérez e Luis Fernando Pérez Pérez- e un accésit para Breixo Lorenzo Pena do IES Ribeira do Louro de Porriño.

Salir de la versión móvil