Felicidade en Marea de Vigo. A formación valorou hoxe como “moi positiva para a cidade a investidura do presidente do Goberno co apoio de numerosas formacións políticas, especialmente o grupo confederal de Unidas Podemos no que participa o espazo galego Galicia en Común”. Consideran que é positivo porque por primeira vez na historia recente do estado español se está a investir un presidente grazas a un acordo político entre dúas formacións que permitirá configurar un Goberno de coalición con retos e obxectivos políticos medibles”. Marea de Vigo apunta que este feito supón unha garantía política, que obviamente a cidadanía debe vixiar, de avances en materia de políticas sociais xustas cara a unha sociedade con dereitos democráticos.
Marea de Vigo amósase como unha forza independente. Sinala que segue a defender a mobilización popular como imprescindible para que estes acordos finalmente sexan levados adiante e lamenta que Abel Caballero considere irrelevantes ás forzas plurais e democráticas e aos socios de goberno e demais forzas que apoian esta investidura.
O acordo de goberno acadado entre PSOE e Unidas Podemos, que tamén contou co voto a favor do deputado do BNG, Néstor Rego, garante a conexión Vigo e ao seu Porto do Corredor Atlántico, o investimento en mellora do saneamento da ría de Vigo, especialmente nos aspectos relacionados co sistema de depuración, e investimentos reais contra a deslocalización de empresas ao Norte de Portugal.
Marea de Vigo destaca que “grazas a En Común-Unidas Podemos” artellase unha visión do sistema ferroviario centrado nas necesidades reais da cidadanía: conexión ferroviaria de cercanías, aposta polo transporte ferroviario de mercadorías e non exclusivamente “no mantra do AVE”.
A formación valora como altamente esperanzadores os contidos políticos do acordo que afectan á cidade de Vigo, dende cuestións centrais como a conexión co Corredor Atlántico como aposta estratéxica do Goberno, a limitación da subcontratación laboral que afecta especialmente en Vigo a miles de traballadores e traballadoras de sectores como os servizos, a construción, o naval e automoción mediante a modificación do art. 42.1 do Estatuto dos Traballadores, a reforma da Seguridade Social para garantir as pensións públicas dignas e sostibles, a derrogación da Lei Mordaza que tivo a tantos vigueses e viguesas encausados por actuacións en piquetes e folgas, actuacións decisivas para completar as medidas pendentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nunha cidade como Vigo onde as agresións e a violencia machista aumenta día a día, o apoio orzamentario á lingua galega e aos sectores artísticos e culturais galegos, e o compromiso firme a reducir nun 75% nesta lexislatura as listas de agarda do sistema público de dependencia.