Marea de Vigo denuncia o "raquítico" investimento social do Concello de Vigo

Publicidad

Marea de Vigo vén de denunciar que, segundo o último informe do Ministerio de Facenda, “o Goberno de Abel Caballero segue na cola do gasto social por habitante e aínda o reduce más com respecto a 2019”.

O “raquítico” investimento social do Concello de Vigo, nas palavras da formación de esquerdas, “é unha realidade que vimos denunciando, xunto con distintas entidades sociais, ano tras ano, pero agora, en plena crise e en plena incertidume por mor da pandemia, a situación de milleiros de familias de Vigo é aínda máis grave” apela a concelleira Oriana Méndez. “Xusto cando a crise económica, social e sanitaria comezou a golpear, o Goberno local decidiu que os cartos de todas as viguesas e vigueses non foran destinados ao investimento social; algo que, ao noso ver, debería ser prioritario” incide. Segundo datos do Ministerio de Facenda, Vigo pasou dun gasto de 69,9 euros/habitante en 2019 a 68,84 en 2020.

Dende Marea de Vigo defenden que “as principais cidades galegas conservan, aínda, o listón colocado polas mareas municipalistas que durante os seus gobernos levaron a cidades como A Coruña, Compostela ou Ferrol ao maior investimento social por persoa da historia recente”, superando os 100 euros por habitante. “Mentres, Vigo segue moi por detrás da media galega, co paradoxo de que estamos falando da principal cidade de Galicia” sinala Méndez. A maior cidade en número de habitantes, nexo fundamental co eixo atlántico que aínda é motor económico e industrial, “ten que seguir padecendo – expresa - un raquítico investimento social, tan necesario para milleiros de vigueses e viguesas e para o conxunto da cidade porque só xuntas e xuntos, como comunidade, daremos superado os golpes da crise”.

Salir de la versión móvil