Marea de Vigo e BNG piden asegurar por lei o veto a Porto Cabral

Publicidad

Sucédense as reaccións tralo anuncio do Concello de Vigo de inadmitir a trámite a solicitude de Intu-Eurofund de acollerse á ordenación provisional para desenvolver Porto Cabral en Liñeiriños. Se a empresa promotora amosaba hoxe a súa “sorpresa” e anunciaba un proceso de reflexión sobre a instalación do macro centro comercial en Vigo, a oposición pide máis contundencia por parte do goberno municipal.

Tanto o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, coma o do BNG, Xabier Pérez Igrexas, coinciden en pedir que se dea un paso máis para acabar coa posibilidade de que se instale en Vigo o macro centro comercial e de ocio. “O verdadeiro problema o imos ter no borrador do PXOM actualmente en redacción, xa que ten unha orientación evidente a rescatar todo o 'rescatable' do planeamento anterior anulado por sentenza xudicial”, asegura o concelleiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez. “Vigo ten que artellar un urbanismo serio e fundamentado, que non se basee en anuncios delirantes” matizou Rubén Pérez para pedir “un estudo do impacto das grandes superficies en Vigo e unha moratoria posterior no outorgamento de licenzas deste tipo por saturación de áreas comerciais”.

Pola súa parte, para as nacionalistas non abonda coa "negativa administrativa" polo que urxen unha "posición política". Así, piden ao PSOE de Vigo que “que coa mesma vehemencia que di non ao pelotazo da cidade deportiva do Celta de Mos, faga que no novo PXOM non sexa posíbel proxectos especulativos en monte comunal. En resumo que lle diga un non definitivo a Porto Cabral", remachou Xabier Pérez Igrexas.

O concelleiro do BNG de Vigo celebrou esta mañá a decisión da Xerencia Municipal de Urbanismo de inadmitir a solicitude dos promotores privados do proxecto de macrocentro comercial e de lecer, Porto Cabral, para se acolleren á ordenación provisional. "É evidente o despropósito desa solicitude por parte de quen non tiña ningunha titularidade nin dereito sobre os terreos afectados e para un proxecto que, tal e como viña xa recollido no anulado PXOM do 2008, só podería ser un proxecto de promoción e iniciativa pública", razoou o portavoz nacionalista.

No entanto, Igrexas instou o Goberno municipal a "dar un paso máis" para lograr "que esa negativa se faga firme e definitiva". A tal fin o BNG demandará no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo convocado para mañá, martes, que se dea instrución ao equipo redactor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que no ámbito de Liñeiriños se desafecte o monte comunal.

Salir de la versión móvil