Marea de Vigo vén de solicitar ao goberno municipal de Vigo que se estude a posibilidade de “remunicipalizar o servizo como xa o teñen abordado concellos como Valladolid ou Tarrasa, con resultados económicos excelentes para as arcas municipais”.
Para o grupo político que lidera Rubén Pérez, a contratación dunha consultora externa para artellar os traballos do novo prego concesional non é a prioridade. “A xestión pública directa está sendo un obxectivo de moitos concellos para evitar "entre outras cousas, que o sistema de explotación privado sexa un instrumento clientelar de gobernos locais que obteñen dende obras públicas a recursos electoralistas mediante prórrogas concesionais, coma foi o caso de Vigo”, asegurou o portavoz municipal.
Pérez denuncia que “a cambio de 5 anos de ampliación do contrato con Aqualia se consignaron 25 millóns de euros para un plan de investimentos, a meirande parte destinados a actuacións que nada tiñan que ver coa rede de abastecemento, 80% do custe de humanizacións completas, decoracións, subvención de festas parroquiais”.
Ademais, a Marea de vio defende garantir un consumo mínimo gratuíto, abandonando o “abuso” que supoñen os 30 metros cúbicos bimensuais, e o establecemento dunha “tarifa xusta por consumo”, penalizando deste xeito os excesos.
Aqualia finaliza a concesión no 2020
O Concello de Vigo aprobou na Xunta de Goberno Local deste xoves o expediente de contratación dos servizos de consultoría e asistencia técnica para o estudo e análise técnico das infraestruturas e servizos vinculados á rede de abastecemento e saneamento do Concello de Vigo.
Segundo explicou o alcalde en rolda de prensa, o importe do contrato é de 121.125 euros e obedece á situación da fase preparatoria de liquidación do actual contrato del servizo público municipal de abastecemento da agua e saneamento, que finaliza o 31 de decembro de 2020, polo que este é un dos pasos obrigados para a redacción do novo prego.
"Debemos coñecer e fiscalizar toda a información relativa ás infraestruturas da auga e detectar as necesidades das mesmas para incluílas no prego do novo contrato", explicou Abel Caballero.