O grupo municipal da Marea de Vigo volve solicitar, despois da sentenza que anula o requisito de empadroamento para acceder á PassVigo, que a tarxeta sexa universal cun convenio entre Concello e Xunta no que a administración autonómico pague as bonificacións dos non empadroados. “A única solución vén, ou ben do recoñecemento do convenio asinado pola Xunta e o Concello no 2015 ou ben pola sinatura dun novo convenio entre ambas administración”, explican.
Así, a Xunta, apuntan, asumiría a maior parte do billete das persoas non empadroadas en Vigo e o Concello de Vigo seguiría facéndose cargo da bonificación das persoas empadroadas (80% Xunta e 20% Concello), “evitando as inxustizas que se están dando en concellos como o de Cangas, que paga parte da bonificación do transporte de ría, podendo ser empregado por unha viguesa ou vigués aínda que o Concello de Vigo non participe no transporte metropolitano que así o permite”.
Rubén Pérez explicou este venres que “é correcto facer desde o Concello de Vigo unha bonificación ás persoas empadroadas, mais contando sempre coa alternativa do transporte metropolitano ou da existencia dunha tarxeta accesible a todo o mundo sexa empadroado ou non como se fai en Madrid, Barcelona, Xixón, etc.”.
Ante o desacordo entre o goberno de Abel Caballero e a Xunta de Galicia, que fixo imposible a existencia dun sistema metropolitano de transporte, o Concello de Vigo, salvo recurso que tombe a sentenza, terá que facerse cargo do 100% das bonificacións, con independencia do empadroamento. “Lévannos ao punto de inicio, cando existía unha tarxeta verde que se entregaba de xeito indiscriminado e se sufragaba exclusivamente polo Concello de Vigo, coa nula colaboración económica por parte da Xunta”, explica Pérez. Algo que non pasaría formando parte do Transporte Metropolitano.