O Grupo Municipal de Marea de Vigo presentou este xoves unha serie de emendas á modificación orzamentaria proposta pola Xunta de Goberno Local para mobilizar 1.840.000 de euros procedente do remanente líquido de tesourería dispoñible trala liquidación do orzamento de 2022.
Marea de Vigo considera que "hai que mobilizar todo o remanente posible”, toda vez que existe unha "suspensión das regras fiscais para os exercicios 2021, 2022 e, afortunadamente prorrogada para este 2023, e que supón unha oportunidade histórica” para as administracións públicas de facer fronte a unha situación económica e inflaccionaria. "No que discrepamos é en que se emprega prioritariamente este recurso", sinala Rubén Pérez, voceiro do grupo.
"Ao xuízo do noso grupo municipal esta inxección de recursos extra debería ser planificada globalmente en programas económicos orientados a minorizar as consecuencias económicas e sociais das coxunturas que provocaron as decisións políticas que desbloquearon o uso de estes recursos" sinala o voceiro municipal.
Marea propón así recuperar o formato de Imaxinasons, festival de Jazz que se desenvolvía en diferentes emprazamentos públicos da cidade, cun orzamento de 150.000 euros. Amais, con 100.000 euros se recuperaría unha programación cultural e musical para os meses de verán nas instalacións do Castro con contido orientado á mocidade dentro dun programa de ocio alternativo.
Por último, defenden asignar 50.000 euros a MoveVigo, organizado a través da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao. Este programa foi unha iniciativa de difusión e promoción sociocultural mediante actividades musicais, de teatro, monicreques e animación infantil dimensionada en canto ás parroquias e barrios da cidade.