No vindeiro Pleno Marea de Vigo defenderá unha moción que aboga pola promoción de vivenda pública e control de prezos de aluguer “ante un mes de setembro no que a realidade social da cidade resulta extremadamente preocupante no tocante ao acceso á vivenda”, e no que está sendo sendo “case imposible atopar vivenda en réxime de aluguer a un prezo que non sexa desorbitado” segundo explica Rubén Pérez. “O exemplo disto o están vivindo moitos estudantes que chegan á cidade pero tamén entre familias ás que os seus contratos de alugueiro remataban nos meses de verán producíndose entón alzas brutais nos prezos dos inmobles”, engade o voceiro da formación de esquerdas.
A moción, desenvolvida ao calor do anunciado para o novo Plan Xeral, pide que se prioricen os ámbitos que figuran no Plan Xeral como ámbitos de protección oficial, pero que ademais “sexa o Concello quen actue como promotor directo”, xestionando de maneira pública ese parque de vivendas, que, segundo a Marea de Vigo, “debe estar orientado a alugueiro e alugueiro con opción a compra, xa que son estas as modalidades nas que están anotados a maior parte dos vigueses e viguesas no rexistro de demandantes de vivenda pública” matiza o voceiro.
Marea de Vigo defenderá que se inste ao Goberno de España a regular de xeito urxente os prezos do alugueiros no marco da nova Lei Estatal de Vivenda e á Xunta, tamén no marco das súas competencias, a executar políticas en materia de vivenda para dar cobertura urxente ás máis de 5.000 familias e particulares demandantes de VPO.
“Consideramos que estas medidas deben implementarse de xeito inmediato por todas as administracións segundo as súas responsabilidades e competencias, o acceso á vivenda digna está sendo cada día máis difícil para moitos vigueses e viguesas e é preciso poñer xa solucións enriba da mesa” conclúe Rubén Pérez. Entre as medidas que irán a Pleno, Marea inclúe a solicitude para que se priorice o desenvolvemento das zonas de Santa Cristina-Lavadores, Ofimático-Avenida de Madrid e Guixar-Campsa unha vez se aprobé o PXOM como ámitos de alta presencia en vivenda protexida.
Así, solicitan a creación dunha empresa municipal de vivenda e que se cree un Parque Municipal de Vivenva e Emerxencia Social para as familias máis vulnerables. Por último, solicítase á Xunta que se leven a cabo inspeccións para detectar pisos turísticos non rexistrados namentres que ao Goberno central se lle solicita, “de xeito urxente”, que se regulen os prezos do aluguer.