Medio cento de adolescentes aprenden ‘entre probetas’ que é a Química

Publicidad

Medio cento de alumnas e alumnos de cinco institutos de Vigo, Moaña e Baiona participaron este xoves no campus na III Olimpíada de Química para 3º e 4º da ESO, unha iniciativa coa que se busca espertar vocacións e amosarlle ao alumnado que está a rematar a educación secundaria obrigatoria que a ciencia e, en particular, a Química “pode ser moi divertida”, tal e como lles insistiu na presentación a decana da facultade, Ángeles Peña, que foi a encargada de darlles a benvida no exterior do centro, onde posaron para unha foto de familia xunto a unha inmensa táboa periódica que chamou a atención de máis dun deles.

A xornada, de carácter moi lúdico, organizouse, ao igual ca nos dous anos anteriores, en dúas partes. Divididos en pequenos grupos enfrontáronse a dous tipos de probas. Primeiro, unha xincana de temática química na que, a través de distintas probas distribuídas por toda a facultade, tiveron que demostrar as súas habilidades, tanto químicas como de lóxica e traballo en equipo. Despois, prácticas nos laboratorios, onde da man dos docentes da facultade realizaron diferentes experimentos adaptados á súa idade e coñecementos.

“A divulgación funciona”

Esta é xa a terceira Olimpíada que organizamos e, o certo, é que estamos moi satisfeitos coa acollida que ten nos institutos, tanto entre o profesorado como entre o alumnado”, explica a decana, quen puxo como exemplo, que “algúns dos participantes xa viñeron o ano pasado e este ano quixeron repetir porque lles gustou moito a experiencia”. Tamén lles sorprendeu “bastante” que preto da metade dos asistentes xa participaron en distintos eventos divulgativos previos organizados desde a Universidade, polo que “estamos convencidos de que a divulgación funciona”.

A diferencia das olimpíadas destinadas ao alumnado de bacharelato, nas que o alumnado participante ten que enfrontarse a un exame, esta actividade ten un carácter moito máis lúdico. “O que queremos é que se acheguen á química, que saiban o que é, o tipo de cousas que se fan neste centro, pero que o fagan dunha maneira divertida e, sobre todo, antes de elixir a opción de bacharelato que queren cursar”, apuntou a decana, quen agradeceu a grande implicación de todos os membros da facultade nesta actividade.

Cando Química é a primeira opción...

No día no que miles de estudantes están pendentes de coñecer os resultados das probas ABAU que determinarán a elección da titulación na que se matricularán en apenas uns días, a decana da Facultade de Química pon en valor a importancia de achegarlle ao alumnado de ESO as diferentes titulacións. No seu centro non acostuman ter problemas de matrícula e a nota de corte habitúa situarse en torno ao 8, pero “máis alá da nota de corte para nós o máis importante é recibir alumnos e alumnas que elixan este centro como primeira opción, pois habitualmente sempre son as persoas máis motivadas”.

Salir de la versión móvil