Moaña convértese esta fin de semana na capital da esperanza. De que hai un mundo mellor. A nova edición da Festa da Diversidade que celebra a vila morracense é todo un éxito. O concello, a través do lema de “diversa e aberta”, é todo un referente non só nas Rías Baixas, senón no conxunto de Galicia e do Estado sobre o poder que ten a diversidade. É o fai cun evento que permitiu gozar onte a noite da música de Broken Peach e que continúa este domingo coa estrea dos “Chanzos da Diversidade”, unhas cores que, tras a instalacións dos bancos LGTBIQ e trans, chegan agora á Praza de Abastos.
O amor sempre pode co odio. E a festa coa tristura daqueles que queren impoñer as súas normas. A Festa da Diversidade de Moaña permite poñer de manifesto que unha boa parte da sociedade respecta a vida dos demais. Que a diversidade fainos mellor. O evento organizado pola concellería de Promoción Económica e Turismo que dirixe Coral Ríos tivo como primeiro gran evento o concerto dos vigueses Broken Peach. Diversidade e cultura segura fusionáronse nun recital que comezou ás 21:30 horas no arboredo da Xunqueira, unha cita que contou coa presentación de María Faltri.
Da troula de onte ao acto simbólico desta Festa da Diversidade 2021. Ás 12:30 horas tiña lugar unha acción artísticas protagonizada por María Faltri e A Panda de Tirán e que contou coa lectura dun poema por Dani Costas, unha acción que era o anticipo perfecto da estrea destes “Chanzos da Diversidade” que consolidan a Moaña como referente de tolerancia.
A maiores, a Casa da Mocidade contará até o 25 de xuño coa mostra “Vigo é nome de muller” un percorrido pola memoria trans da área metropolitana con imaxes recollidas pola asociación PVLSE na que, entre outras, protagoniza Carolina Smith xunta a moitas compañeiras que viviron os anos máis duros e de represión para este colectivo.