O pleno do Concello de Moaña -retransmitido en directo en streaming- aprobou este martes, co voto a favor dos partidos do goberno, BNG e PSdeG, e a ausencia da oposición, PP e XM, o seu orzamento de 2020 que superan os 11 millóns de euros, cun incremento do 0,71% con respecto ao 2019.
Os novos orzamentos destacan polo seu marcado carácter social, cun 14,3% do total dedicado a benestar social e polo seu decidido impulso medioambiental ao destinar 437.000 euros á substitución de todas as luminarias das estradas -3.764 puntos- por iluminación led.
Tanto o concelleiro de Facenda, Aldán Santamarina, como os portavoces do PSdeG-PSOE, Marta Feire e BNG, Odilo Barreiro, así como a rexedora local, Leticia Santos, remarcaron o carácter “valente” dunhas contas que dedicarán todo o músculo municipal a facer que “ninguén quede atrás” na crise do Coronavirus que, recordou Santos, é sanitaria, máis tamén “económica e social”.
Con respecto ás contas de 2019, a partida de gasto social crece en máis de 200.000 euros (sumando o uso do 20% do superávit permitido polo Goberno), quedándose en case 1,6 millóns de euros (1.593.158,61 €). O Concello crea un “Programa social COVID-19” dotado con 50.000€ e incrementa as aplicacións destinadas a axudas de emerxencia social, que suman 27.000€. Neste sentido, Santamarina explicou no pleno municipal que estas partidas axudarán as familias máis vulnerables, pero tamén ao comercio local xa que se crearán “bonos de comercio local” que permitirán reactivar a economía do municipio. O goberno municipal comprometeuse ademais a dedicar o resto do superávit (488.000 euros) á loita contra a crise da Covid-19 se o Goberno de España así o autoriza.
En canto ós investimentos, o Concello mobilizará obras por 5 millóns de euros, entre os investimentos reais do orzamento e as subvencións e transferencias doutras administracións. Neste apartado destacan os máis de 2 millóns de euros, dos que 437.000 saen do Concello e o resto dunha subvención do Instituto para a Diversificación e aforro da Enerxía (IDAE), para a substitución con iluminación LED da totalidade do alumeado público municipal. Este proxecto de eficiencia enerxética permitirá unha redución da enerxía eléctrica consumida o que, explican o goberno municipal, permitirá reducir a enorme factura da luz que se leva cada ano máis de 449.000 euros.
Nas contas aprobadas atópase tamén a urbanización dos terreos de Sisalde (241.745,21 €) para poñer a disposición da Xunta de Galicia a parcela na que se construirá o futuro Centro de Saúde. Por parroquias, En Domaio destaca a finalización do Camiño Real que suporá 575.000 euros; en San Martiño o Concello humanizará a estrada O Casal-Abelendo (690.000 euros), no Carme, amais de Sisalde destaca a mellora do Parque Infantil do Barco (306.000 euros); en Meira renovarase a totalidade do paseo da Xunqueira e se completará cara a San Bartolameu (339.257 euros) e en Domaio rematarse o paseo marítimo despois dos atrancos do último ano (100.000 euros).
Amais do gasto de persoal, as facturas da electricidade (449.000 euros) e do lixo (475.000 euros), xunto coa Axuda do Fogar (636.000 euros), conforman os maiores gastos correntes municipais. Para reducir as dúas primeiras, o Concello proxecta, amais do cambio a led, unha nova licitación pública de subministración de electricidade e un programa de potenciación da compostaxe que reduza os residuos enviados a Sogama. Para isto instalara sete novos centros comunitarios de compostaxe e repartira ademais composteiros individuais a 229 vivendas.
Por último, a débeda municipal suporá este ano un gasto de 1,2 millóns de euros para deixala unha vez finalice o 2020 por baixo dos tres millóns de euros. O obxectivo municipal é lograr a débeda cero ao finalizar a lexislatura. En 2015 a débeda situábase en 13,2 millóns de euros.
Apoio á cultura, comercio e turismo
Os orzamentos de 2020 continúan a contemplar todos os eventos culturais, sociais e turísticos programados inicialmente antes do estoupido da pandemia do coroanvirus. Neste sento, o Goberno insiste en que tentará aprazar e reprogramalos, en lugar de suspendelos, xa que, entende que xogan un papel fundamental na reactivación económica. Están este apartado o Festival Intercéltico, mais tamán o Festival de Jazz, a festa da Diversidade o Moaña AntiQua, entre outros. Moaña participa asemade na elaboración dunha nova estratexia turística comarcal na que aportará 8.000 euros.
Podes consultar todos os capítulos de gasto e investimentos nesta ligazón.